Denuncias Deputación de Ourense

Esixímoslle a Caride que marche e a Baltar que deixe de furtar a democracia

O PSDEG-PSOE DE OURENSE INSTA A CARIDE A RENUNCIAR COMO DEPUTADO E ESÍXELLE A BALTAR “DEMOCRACIA” E QUE OS PLENOS SEXAN PRESENCIAIS XA QUE “NON HAI RAZÓNS” QUE XUSTIFIQUEN O CONTRARIO

O voceiro Rafa Villarino manifestou que esta situación amosa que “os traxes que o Partido Popular fixo a medida tralas eleccións municipais estanse a rachar por todas partes”

Pola súa banda, Ignacio Gómez pediulle a Caride “que deixe o seu posto” coma deputado e que “cese na súa labor de palmeiro de Baltar e axude a mudar esta provincia tras 35 anos de baltarismo”

Ourense, 20 de novembro de 2020. O PSdeG-PSOE de Ourense compareceu esta mañá en rolda de prensa para dar conta da nova coñecida no día de onte e na que José Manuel Baltar, tralo informe desfavorable do secretario procedía a cesar ao tránsfuga Miguel Caride como vicepresidente da Deputación provincial de Ourense. Os socialistas aproveitaron tamén para denunciar a “ausencia total de democracia” por parte do presidente do ente provincial, que decidiu celebrar os plenos e o resto de órganos colexiados de forma telemática, impedindo deste xeito que os grupos da oposición desenvolvan a súa tarefa de control ao goberno e co único fin de tapar a realidade, que segundo explican dende o PSdeG de Ourense, non é outra que “ocultar que un tránsfuga sostén o goberno provincial en contra do que ditamina a lei”.

“Pedímoslle a Caride que deixe o seu posto como deputado, xa que ao ser declarado tránsfuga non pode ser un palmeiro que sustente un goberno, o de Baltar, que levamos 35 anos tratando de mudar”, expresaron os socialistas”. Neste senso, o deputado socialista e vicevoceiro, Ignacio Gómez, explicou que “Miguel Caride non facilitou un goberno progresista para mudar a provincia e agora vemos os derroteiros polos que segue, e pedímoslle que polo menos traballe dende dentro para mudar a situación e deixe de facer perdurar a Baltar no tempo porque a sociedade non vai perdoar esta en razón”.

Pola súa banda, o secretario provincial do PSdeG-PSOE de Ourense e voceiro do grupo provincial, Rafael Rodríguez Villarino manifestou que “os traxes a medida que fixo o PP tralas eleccións municipais estanse a resgar por tódalas partes”. Villarino fixo fincapé en que a Deputación de Ourense “está sustentada por un tránsfuga, que tivo a posibilidade de cambiar o ritmo e o modo de facer as cousas na provincia” e tamén manifestou a súa “esperanza” en que isto aínda poida acontecer. Neste mesmo senso, o secretario provincial trasladoulle a Miguel Caride que “pode pasar a historia como palmeiro ou como a persoa que fixo posible mudar o destino de Ourense”.

Rodríguez Villarino tamén destacou que os socialistas “non confiamos en que Baltar vaia a prescindir do apoio de Miguel Caride por razóns obvias” e destacou o obxectivo de Baltar “é manter o goberno da provincia a calquera prezo, como xa amosaron co cambalache que se fixo co goberno da cidade”. O voceiro socialista tamén salientou que a Deputación de Ourense se atopa “secuestrada da súa función e poder política, gobernada por un tránsfuga que non permite o cambio de goberno” e fixo comparativa co que acontece no goberno da cidade de Ourense, onde o PP “apupou a Jácome á alcaldía, para despois abandonalo e posteriormente bloquear un cambio de goberno”.

Dende o Grupo Provincial Socialista lembran que se hai informe do secretario da Deputación con respecto a situación de Caride, foi porque os socialistas así o solicitaron a mediados de outubro. Un informe que lles foi denegado por “cuestións formais discutibles” e acusan Baltar de querer “colgarse medallas” coa petición dun informe, que non foi solicitado pola súa persoa. “Esta situación só envolve unha cuestión que é que Baltar quería ter previamente o informe para que o PSOE non fora quen de saber antes as conclusión dos secretario e deste xeito que non o fixeramos público e poder saír el como adalid da democracia dicindo que cesaba a Caride”, expresou o vicevoceiro socialistas, Ignacio Gómez.

Os socialistas volveron a pedir dito informe trala denegación e “curiosamente” cando se fixo público nos medios de comunicación, recibiron o devandito informe. “No informe pon moi claro que non se pode facer público este tipo de documentos, que hai que gardar un rigor e Baltar é o primeiro en filtralo e denegarllo a oposición, entregándollo despois”, manifestou Gómez, que tamén apuntou que “xa estamos acostumados a esta forma de actuar, a de un ditadorzuelo e resulta que a diferencia entre Maduro e Baltar non é moita na forma de actuar e sabemos moi ben con quen estamos lidando”.

O cesamento de Miguel Caride “foi levado a práctica polo secretario, non por Baltar, amparado nunha lei que sae reforzada por unha sentenza de fai unhas semanas”, subliñan os socialistas que tamén apuntan que “que esta sentenza reforza tamén que o papel dos tránsfugas nas administracións ten que ser cada vez menos ou inexistente”. Dende o PSdeG-PSOE tamén critican que o presidente da Deputación manifestase a súa intención de “reservarlle praza a Caride, como así expresou onte, co único fin de esperar que a lei lle dese unha volta a actual situación, algo que non vai acontecer”.

Esixencias para a celebración do pleno con carácter presencial

O PSdeG-PSOE de Ourense tamén amosou a súa total repulsa a que os plenos da Deputación de Ourense e outros órganos colexiados se celebren a través de videoconferencia e acusaron a Baltar de “secuestrar a Deputación, furtando a posibilidade de que os grupos da oposición poidamos realizar o noso traballo”. Baltar optou por primeira vez na historia por un pleno por videoconferencia, “sen ningunha razón obxectiva para sustentar esta decisión”, manifestou Villarino.

O pasado 2 de novembro, o presidente da Deputación de Ourense ordenou que comisións, xuntanzas de voceiros, plenos e outros órganos colexiados se levaran a cabo a través de videoconferencia. “Tivemos un pleno presencial o 30 de outubro cando había 1394 contaxiados por COVID-19 e 17 ingresados e a día de hoxe que a provincia ten a incidencia a 14 días máis baixa da península, Baltar opta pola videoconferencia”, destaca Rodríguez Villarino. Unha situación que para o voceiro socialista ten un claro obxectivo “ocultar o feito público e patente de que Caride é un tránsfuga e está apoiando o goberno da Deputación, xa que non hai outra razón obxectiva que o xustifique” e neste mesmo senso, tamén expresou que “non debe ser precisamente a vergoña, o sentimento que debe levar a cabo o funcionamento da institución provincial”.

Dende o Grupo Provincial Socialista expresan o seu rotundo non as videoconferencias e sinalan que esta circunstancia motivada por Baltar só ten un único fin “impedir que o PSOE poida dicir alto e claro e nun ámbito dunha sesión plenaria o que acontece nesta provincia”. Os socialistas tamén destacaron que as comisións, celebradas por videoconferencia, estiveron “cheas de incidencias, perdas de sinal, parálise de imaxe, ausencia de son, polo que un pleno nestas condicións é inviable”.

Villarino afirma que esta situación “non é máis que unha estratexia do PP de silenciar a oposición” e destaca que se trata “dunha estratexia moi básica, rudimentaria e que o único que fai e demostrar a debilidade do goberno”. Un goberno provincial o que acusou de “débil” e que anunciou que “non vai acabar o mandato, non porque eles demostren a súa vontade de cumprir coa democracia e permitir que forzas alternativas gobernen a política, senín porque a lei vai a encargarse de que así sexa”. Os socialistas seguirán reclamando que os plenos sexan presenciais, xa que non hai razóns que xustifiquen o contrario.