Deputación de Ourense INICIATIVAS

PP e Caride vetan impulsar axudas para a hostalería de Ourense desde a Deputación

O PSDEG-PSOE DENUNCIA O “PLAN DE DERRUBAMENTO DELIBERADO” DO PP CONTRA A HOSTALERÍA DE OURENSE TRAS REXEITAR O IMPULSO DE AXUDAS DIRECTAS E INMEDIATAS

Fernández asegurou que “tócalle a Xunta dar este paso porque estivo 10 meses ausente sen ningunha medida” e reclamou que o conselleiro pida perdón por sinalar a este sector como causantes dos contaxios

Ourense, 27 de novembro de 2020. O PSdeG-PSOE denuncia o “plan de derrubamento deliberado” do PP e Miguel Caride, contra a hostalería de Ourense, tras rexeitar unha moción na Deputación en favor de axudas directas e inmediatas para a hostalería e os autónomos. Os socialistas cuestionan o “abandono intencionado” practicado por Baltar, Núñez Feijóo e o seu novo apéndice, o deputado non adscrito, Miguel Caride, a pesar de sufrir a provincia restricións desde moito antes que outros territorios. “Ourense soporta desde hai tres meses as restricións máis duras de España fronte á pandemia, pero só cando as medidas afectaron ao eixo atlántico, a Xunta comezou a falar de axudas das que aínda non cobraron nin un céntimo”, denuncian.

O deputado, Diego Fernández, salientou que “tócalle a Xunta dar este paso de inmediato porque estivo 10 meses ausente sen ningunha medida”, tras recordar que “ten que haber un apoio unánime á hostalería” porque “o propio sector critica duramente as medidas anunciadas por escasas”. Fernández insistiu en que “o conselleiro de Sanidade debe pedir desculpas tras culpabilizar a este sector como o responsable dos contaxios, palabras que fixeron tantísimo dano”.

O deputado tamén criticou ao PP por cualificar como “mercadear” a busca de apoios para impulsar este rescate e por “conformarse” con só 16 millóns para toda Galicia, facendo “partidismo” e “seguidismo” de Feijóo e obviando as necesidades específicas da provincia.

Desde o PSOE alertaron que “o goberno de Feijóo deu as costas a hostalería durante 10 meses con cero axudas e agora, tras sinalalos como os causantes de bombas víricas, segue sen aprobar un rescate integral que evite a súa quebra”. “O abandono foi tan evidente que o primeiro encontro do executivo galego do PP con estes empresarios e empresarias non tivo lugar ata novembro” tras dez meses de pandemia, recordaron.

A iniciativa reclamaba medidas específicas a Xunta para compensar a hostalería da provincia, que sufriu as restricións impostas polo goberno galego un mes antes que o resto da comunidade, e un rescate integral que inclúa todas as demandas das asociacións profesionais. Tamén instaba á Deputación a suplementar nun 20 % estas axudas, co fin de compensar aos afectados e afectadas da provincia que sufriron antes as restricións. O texto recibiu os votos a favor de PSdeG-PSOE, BNG e DO, e os votos en contra de PP e Miguel Caride. Ciudadanos abstívose.