concellos Denuncias

Os socialistas de Ribadavia piden a renuncia do alcalde por incapacidade na xestión

O PSDEG-PSOE DE RIBADAVIA PIDE A “RENUNCIA INMEDIATA” DO ALCALDE DE RIBADAVIA, CÉSAR FERNÁNDEZ, POR PERDER UN OBRADOIRO DE EMPREGO “MOI BENEFICIOSO” PARA A VECIÑANZA

Os socialistas critican que é un exemplo da “pésima xestión” do Partido Popular ao fronte da alcaldía da vila e que prexudica tamén aos concellos de Castrelo de Miño e Carballeda de Avia

O voceiro do PSdeG en Ribadavia, Ignacio Gómez, pídelle ao rexedor que “se ten decencia debe marcharse para a casa e renunciar dada a nula incapacidade para xestionar o presente e futuro da nosa vila”

Ribadavia, 3 de decembro de 2020. O PSdeG-PSOE de Ribadavia pide a “renuncia inmediata” do alcalde de Ribadavia do Partido Popular, César Manuel Fernández, que perdeu a opción de realizar un obradoiro de emprego, que se viña celebrando noutras lexislaturas conxuntamente con Castrelo de Miño e Carballeda de Avia. Os socialistas consideran esta situación “inadmisible” e pídenlle ao rexedor que renuncie ante a súa “pésima xestión” e a súa “incapacidade para xestionar” o devir de Ribadavia. Un obradoiro “moi beneficioso” para a veciñanza da vila e que este ano estaba enfocado a unha duración de 9 meses, cun investimento de máis de 170.000 euros e que chegaría ata os 20 alumnos.  

Dende o Grupo Municipal Socialista lamenta “profundamente” que a xestión do rexedor da capital do Avia, prexudique “gravemente” non só aos veciños de Ribadavia, senón tamén os de Castrelo e Carballeda, cos que se realizaba o obradoiro conxunto, pero cabe destacar que Ribadavia era sempre a encargada de xestionar o proxecto debido o número de habitantes. En 2016, en menos dun ano de lexislatura, o PSdeG-PSOE de Ribadavia conquerira un obradoiro similar ao de agora e dous anos despois, en 2018, outro obradoiro xuvenil. Destacan os socialistas que de ambos obradoiros “saíron varias persoas con emprego” e denuncian que a “deixadez deste alcalde provoca que os mozos e mozos e os desempregados queden atrás”

Unha situación pola que os socialistas solicítanlle que renuncie como alcalde da vila e tal e como expresa o voceiro socialista, Ignacio Gómez, “se ten decencia debe marcharse para a casa e renuncia de forma inmediata”. Cabe destacar que durante anos e dende a oposición, o hoxe alcalde César Fernández “dedicouse a pedir a dimisión a alcaldes socialistas que si que traballaban e xestionaban Ribadavia, polo que agora tócalle a el renunciar dada a súa nula capacidade de conseguir investimentos para a vila”, destaca Gómez.

A situación de crise que se vive por mor da pandemia, é un dos motivos que os socialistas esgrimen para defender a súa petición. “Os obradoiros sempre foron importantes pola súa capacidade para xerar e emprego e nesta época cunha grave crise económica facíanse máis importantes se cabe”, explica Ignacio Gómez. Os socialistas laianse de que esta situación se produza nun momento no que “había superávit debido as actividades canceladas por mor da pandemia”.

Os socialistas tamén lle esixen o alcalde que explique o motivo de por que “nun alarde de prepotencia”, respondeu a unha pregunta do PSdeG-PSOE na que pedían información sobre os planes de emprego que “tiñamos que agardar as resolucións, que xa as temos e vemos que os grandes prexudicados da inacción e o desleixo, son os veciños e veciñas destes tres concellos, que quedan sen obradoiro. Advirten tamén dende o partido do puño e da rosa que “como mínimo” o concello de Ribadavia non poderá optar a un obradoiro ata 2021. Lembran tamén que levan un ano e medio advertindo que o PP “non fixo nin un só plan de emprego e agora confírmase que Ribadavia non está entre os concellos os que se destina o mencionado obradoiro.

Por último, o PSdeG-PSOE de Ribadavia acusa ao alcalde de “alardear” con fotos nas redes sociais e vender nimiedades e de “non prestar atención” os problemas e as cuestións primordiais nestes momentos para a vila e as súas xentes. “Temos un alcalde que foi deputado autonómico e que parece que non deixou a tarxeta de presentaciónm xa que non o coñece ninguén”, relata Gómez para sinalar que nos orzamentos da Xunta do ano pasado “non había nin un só euro para Ribadavia”. Unha situación que segundo relata o voceiro socialista tamén “se traslada” a Deputación onde di que “nunca alza a voz e segue o regueiro do seu líder Baltar, que pouco fai tamén pola vila”.