concellos Denuncias

PSdeG e Compromiso por Maceda esixen explicacións ó alcalde de pola xestión da Covid-19

PSDEG-PSOE DE MACEDA E COMPROMISO POR MACEDA ESTUDAN SOLICITAR CONXUNTAMENTE UN PLENO EXTRAORDINARIO PARA PEDIR EXPLICACIÓNS DA EVOLUCIÓN DA COVID NAS ÚLTIMAS SEMANAS

Ambas formacións denuncian a “irresponsabilidade do alcalde” o ter celebrado unha suposta festa na que non se cumpriron as medidas de aforo e seguridade que establecen as autoridades sanitarias

Xabier Oviedo e Celso Sánchez, voceiros de ambas formacións, solicitan “explicacións oficiais no pleno” e critican que o alcalde culpe a escola de música do brote de coronavirus no municipio

Maceda, 11 de decembro de 2020. O PSdeG-PSOE de Maceda e Compromiso por Maceda estudan solicitar de xeito conxunto un pleno extraordinario para pedir explicacións o grupo de goberno municipal do Partido Popular e Espazo Común sobre a evolución da COVID-19 nas últimas semanas no municipio. Ambos partidos agardan a convocatoria do pleno ordinario nos próximos días, pero advirten que de non ser así, “solicitaremos un pleno extraordinario para pedir explicacións” do acontecido nas últimas semanas na vila con respecto a COVID-19 e anuncian que “hai que tomar medidas ante o incremento de contaxios e veciños e veciñas en corentena”.

Celso Sánchez e Xabier Oviedo, voceiros de ambas formacións políticas no Concello de Maceda, valoran de “irresponsable” a actitude do alcalde ante o rumor “rigorosamente contrastado”, de ter celebrado unha festa organizada polo propio rexedor e onde “non se respectou o aforo nin as condicións impostas polas propias administracións”, Xunta de Galicia e Goberno Central. Ambas formacións políticas solicitan “explicacións oficiais no pleno” e que o rexedor aclare se efectivamente esa xuntanza se levou a cabo, e de ser asía, que “nos explique como é posible que se lle pidan tantos sacrificios a cidadanía e logo o propio rexedor, quen ao noso entender tiña que dar exemplo, as salte de maneira tan irresponsable”.

Socialistas e nacionalistas tamén expresan a súa preocupación e din non dar creto as manifestacións do alcalde do Partido Popular que responsabiliza do brote de coronavirus a escola de música de Maceda. Unha situación que segundo expresan ambas formacións “é extremadamente grave e resulta intolerable”. Ambos partidos pedirán tamén no pleno e de “xeito contundente”, que se facilite información sobre o custo real de todo o operativo levado a cabo dende o mes de marzo cando comezara a pandemia. Neste sentido, dende Compromiso por Maceda e PSdeG-PSOE de Maceda, denuncian “a falta de información e transparencia por parte do alcalde e do equipo de Goberno para co resto de formacións políticas e tamén e mais importante, para o resto da cidadanía”.