concellos Denuncias

Os socialistas de Ribadavia denuncian que Baltar e o alcalde “deixan tirada” a banda Lira

O PSDEG-PSOE DE RIBADAVIA CRITICA QUE JOSÉ MANUEL BALTAR COA CONIVENCIA DO ALCALDE DA VILA DEIXA “TIRADA” A BANDA LIRA CON MÁIS DE 180 ANOS DE HISTORIA

Os socialistas pídenlle o alcalde e deputado provincial do PP, César Fernández, que mobilice a Deputación de Ourense para que aporte unha subvención nominativa que axude a banda nesta crise que vive

O voceiro do PSdeG en Ribadavia, Ignacio Gómez, sinala que o concello xa concedeu unha subvención de case 11.000 euros, pero “non lle é viable economicamente asumir outra nova subvención de 16.000 euros, que si pode levar a cabo a Deputación”

Ribadavia, 14 de decembro de 2020. O PSdeG-PSOE de Ribadavia critica que o presidente da Deputación de Ourense, José Manuel Baltar, en conivencia co alcalde de Ribadavia e deputado provincial, César Manuel Fernández, deixan “tirada” a banda Lira de Ribadavia, con máis de 180 anos de historia e toda unha institución e emblema da capital do Avia. Os socialistas pídenlle o ente provincial que asuma o compromiso de axudar a banda e a outras bandas na mesma situación, aprobando unha modificación de crédito para a concesión de subvencións que poñan solución a crise económica que viven as bandas por mor da pandemia do coronavirus, que impediu moitas das súas actuacións, a través das cales obteñen ingresos.

Dende o Grupo Municipal Socialista lembran que no pleno da Deputación de Ourense no mes de outubro, no turno de rogos e preguntas, xa se puxo en coñecemento do presidente a situación que viven as bandas de música e que era necesario dar unha solución a problemática, xa que coa situación sanitaria, as bandas non poden optar as subvencións derivadas das actuacións. “Igual que a outras entidades se lle conceden subvencións nominativas, as bandas deben poder optar a estas nestes momentos de crise económica”, afirman os socialistas que tamén apuntan que “Baltar dixo que xa se estaba a facer algo logo dunha reunión co sector, pero a día de hoxe impera a lei do silencio”.

Un problema que non causa ningunha administración, senón a alerta sanitaria por mor da COVID-19. Por este motivo o PSdeG de Ribadavia considera que “o presidente da Deputación e o alcalde de Ribadavia deben dar unha solución”. O voceiro socialista, Ignacio Gómez explica que “nestes días coñecemos a situación excepcional que vive a banda Lira por mor da crise que estamos a vivir e nas que manifestan que non poden seguir xestionando cando menos a escola de música que teñen”. O líder do partido maioritario da oposición tamén sinala que a súa postura é que a que ten que dar solución a problemática “é a Deputación de Ourense”.

A banda Lira conta con 180 anos de historia e é “toda unha institución polo que significa para Ribadavia pola tradición, a súa historia e todas as familias que participan no funcionamento diario da mesma”, apunta Gómez. Os socialistas consideran que nos últimos tempos a banda “sufriu a utilización partidista por parte do PP” e apuntan a que “todos sabemos o que aconteceu na véspera electoral das últimas eleccións municipais”. A pesares de elo, o voceiro socialista afirma que “nós imos a apoiar os 180 anos de historia de esta banda e das familias que levan os nenos e nenas a participar da mesma, aínda que discrepamos con esta directiva e coas declaracións públicas que fai o seu director, que precisamente non invitan o consenso, pero a Lira está por riba deste director e desta directiva”.

Dende o PSdeG-PSOE de Ribadavia acusan tamén o rexedor da vila de “tirar pola vía máis rápida” e “pretender” que o Concello asuma o pago dunha subvención de 16.000 euros que lle corresponde a Deputación de Ourense. “Entendemos que non pode ser o Concello quen asuma este pago porque resulta inviable economicamente”, expresa Ignacio Gómez, que tamén lembra que a banda Lira xa conta cunha subvención municipal de preto de 11.000 euros, polo que “esta segunda subvención sería complicada polos propios informes, o haber recibido outra previa”.

Os socialistas esíxenlle ao alcalde, que asuma a súa condición de deputado provincial para conseguir mobilizar unha axuda da Deputación de Ourense que “salve a banda Lira e a tantas outras bandas que se atopan na mesma situación por toda a provincia”.