O PSDEG-PSOE DE PUNXÍN INSTA AO CONCELLO Á CREACIÓN DUNHA COMISIÓN DE SEGUIMENTO DO SERVIZO DE AXUDA NO FOGAR LOGO DE “NUMEROSAS QUEIXAS”POR PARTE DA VECIÑANZA
As socialistas defenderán unha moción no vindeiro pleno facendo fincapé nesta problemática da que segundo afirman veñen alertando ao grupo de goberno municipal dende “fai tempo”
A voceira do PSdeG en Punxín, Lorena Peleteiro, denuncia que “a desorganización e o caos”son “tristes protagonistas”do servizo de axuda no fogar sen que o goberno “faga nada por arranxalo”
Punxín, 11 de xaneiro de 2021. O PSdeG-PSOE de Punxín defenderá no vindeiro pleno municipal unha moción na que solicita a creación dunha comisión de seguimento do servizo de axuda a domicilio no municipio. O motivo desta iniciativa son as “numerosas queixas”que a veciñanza trasladou no relativo a organización do servizo e sobre a que as socialistas levan alertando dende “fai xa tempo” sen que o grupo de goberno municipal faga nada por dar solucións aos usuarios e as súas familias.
Segundo afirman as concelleiras do PSdeG-PSOE en Punxín a situación “non é nova”e xa foron “varias as veces nas que alertamos ao grupo de goberno de queixas tanto na desorganización como no caos en canto á organización do servizo de axuda no fogar”. As socialistas critican que o goberno municipal formado por Partido Popular e Ciudadanos non foron quen de pórlle solución as “deficiencias” na xestión dun servizo que consideran “clave” no municipio.
A voceira socialista, Lorena Peleteiro, denuncia que “a desorganización e o caos”son as “tristes protagonistas”do funcionamento do servizo de axuda no fogar e critica que se trata “dun problema que lonxe de solucionarse, vense agravando nos últimos tempos”. A concelleira do PSdeG subliña que “a pésima organización, xera un caos total na prestación do servizo”.
As socialistas relatan que hai problemas constantes con cambios nos horarios da prestación dos servizos, así como das persoas que realizan eses traballos e problemas de descontrol nas liquidacións realizadas. “Os usuarios e as usuarias da axuda no fogar deben recibir un servizo digno por parte do Concello, cousa que non acontece nestes momentos”, explica Peleteiro, que tamén apunta que “o descontrol non é unha boa forma para tratar a xente maior, que precisa duns coidados diarios e nos que é aconsellable unha rutina por parte dunha mesma persoa, que coñeza de primeira man as necesidades e que transmita confianza aos nosos maiores, cousa que non acontece con cambios de horarios e de traballadoras”.
Dende o Grupo Municipal Socialista tamén trasladan que reciben queixas de usuarios e usuarias que “en varias ocasións non se lles prestou o servizo, tal e como o teñen concedido, sen ningún tipo de aviso previo nin chamada para informar, pero nas liquidacións mensuais non se lle descontou esas horas que non se prestaron”. As concelleiras socialistas destacan, iso si, o “gran traballo e esforzo que realizan as traballadoras no referente ás atencións domiciliarias prestadas”e culpan ao grupo de goberno de “xerar este caos e descontrol na xestión”.