EMIGRACIÓN INICIATIVAS

A secretaría provincial de emigración edita novos vídeos destinados ós retornados

A SECRETARÍA DE EMIGRACIÓN DO PSDEG-PSOE DE OURENSE EDITA NOVOS VÍDEOS INFORMATIVOS PARA RESOLVER DÚBIDAS AO COLECTIVO DE RETORNADOS SOBRE A DECLARACIÓN DA RENDA

“Con estes vídeos téntase responder á demanda de información do colectivo”, explica Gulín, que tamén apunta a que os socialistas están “a disposición dos retornados para calquera dúbida ou problema”

Os vídeos afondan na figura do segundo pagador e tratan tamén o tema fiscal das pensións estranxeiras de invalidez e a problemática das deducións das cotas por asistencia sanitaria

Ourense, 2 de febreiro de 2021. A secretaría provincial de emigración do PSdeG-PSOE de Ourense ven de editar dous novos vídeos informativos para o colectivo de emigrantes retornados que traballaron nos países europeos, nalgún momento da súa vida. O propio secretario provincial de emigración, Luís Gulín informa e dá consellos prácticos cara á próxima campaña da declaración da renda 2020.

“Con estes  vídeos téntase responder á demanda de información do colectivo de emigrantes retornados”, explica Gulín. O primeiro dos vídeos cunha duración aproximada de 5 minutos e baixo o título “declaración da renda 2020 para emigrantes retornados: introdución e segundo pagador” aporta unha introdución xeral á temática e explica o concepto e os diferentes casos que abarca o chamado segundo pagador. “Neste vídeo tratamos de informar aos retornados que son residentes fiscais en España e teñen a pensión estranxeira ou dúas, sumando tamén unha española, que é o que teñen que ter en conta á hora de presentar a súa declaración da renda do ano 2020”, explica o secretario provincial de emigración, que tamén apunta que “Hacienda xa anunciou que a campaña comezará o 7 de abril e finalizará o 30 de xuño de 2021”.

Gulín afonda na figura do segundo pagador e aclara que para os emigrantes retornados “nada variou con respecto a declaración da renda de 2019, xa que o límite de ingresos exento segue como estaba en 14.000 euros anuais”. Lembra tamén que para a Axencia Tributaria “o primeiro pagador é sempre España e o segundo o da pensión estranxeira”.

segundo dos vídeos cunha duración de 10 minutos trata o tema fiscal das pensións estranxeiras de invalidez e a problemática das deducións das cotas por asistencia sanitaria que se restan nas pensións estranxeiras. Baixo o título  “declaración da renda 2020 para emigrantes retornados: pensións de invalidez e deducións das cotas sanitarias”, o secretario provincial de emigración profúndaa nas numerosas dúbidas que se lle plantexan aos retornados e trae a primeira plana as incapacidades ou invalideces.

Proximamente emitiranse outros dous vídeos tutoriais ao respecto da problemática e os trámites do pago do 5 por cento de IRPF á Facenda alemá e a situación fiscal das prestacións de dependencia desde Alemaña, todos con información actualizada e accesible para todos os interesados. Os vídeos están dispoñibles na lista de reprodución coa que a secretaría provincial de emigración conta na canle de Youtube do PSdeG-PSOE de Ourense.