INFRAESTRUCTURAS Mobilidade

O PP négase a reclamar melloras na estación intermodal e defende un proxecto prexudicial para a cidade

O PP NÉGASE A RECLAMAR AO GOBERNO CENTRAL MELLORAS NA ESTACIÓN INTERMODAL E NA INTEGRACIÓN DO AVE EN OURENSE E DEFENDE UN PROXECTO “PREXUDICIAL” PARA A CIDADE

Os populares rexeitan que se convoque a comisión de seguimento das obras do AVE despois de que mesmo a súa conselleira, Ethel Vázquez, o solicitara publicamente durante a apertura da estación de autobuses

Dende o PSdeG-PSOE fan un chamamento a todos os grupos a facer unha fronte común con colectivos que avogan pola defensa dunha intermodal digna, tales como o COAG ou a Plataforma Tren Digno

Ourense, 12 de febreiro de 2021. O grupo municipal popular vén de rexeitar unha emenda presentada no pleno extraordinario deste venres por parte do PSdeG-PSOE para instar ao Ministerio de Fomento a convocar a comisión de seguimento das obras do AVE, a mellorar de xeito urxente a intermodal e a cumprir os compromisos orzamentarios e de licitación da variante exterior. Así, o PP amosa a súa negativa a reclamar ao Goberno central as melloras necesarias no proxecto da chegada do AVE a Ourense e defende un proxecto “prexudicial” para o presente e o futuro da cidade.

Os populares presentaron unha moción para aprobación do pleno na que instaban ao Goberno do Estado a cumprir os seus compromisos orzamentarios coa chegada do AVE, sen incluír referencia algunha á necesidade de mellorar o proxecto existente e conseguir unha intermodal “digna e de calidade”. Por este motivo, o grupo municipal socialista presentou un texto alternativo recollendo “os compromisos e as actuacións vitais e irrenunciables para a chegada do AVE”, que foi aprobado pese ao voto en contra dos populares.

“Trátase dunha imperdoable falta de ambición co proxecto máis importante do século na cidade” manifestan os socialistas, que interpretan a posición dos populares como “unha mostra de servilismo e do pouco ou nada que lles importa Ourense”.

Cómpre lembrar que mesmo a conselleira de infraestruturas, Ethel Vázquez, solicitou publicamente que se convocase a comisión de seguimento do convenio de colaboración para as obras do AVE durante a apertura da nova estación de autobuses, polo que desde o grupo municipal socialista convidan ao PP ourensán a que “explique con claridade os motivos polos que non queren que a cidade de Ourense teña o mellor proxecto posible”.

Por outra banda, a vicevoceira do grupo municipal socialista, Natalia González, apuntou á falta de peso político do alcalde como lastre na defensa dos intereses de Ourense coa alta velocidade, e afeoulle a Jácome a súa actitude conformista ante a obra máis relevante deste século en Ourense. Neste sentido, os socialistas anuncian que “loitarán” para que a cidade teña o “a intermodal que precisa e merece” e fan un chamamento ao resto de grupos a facer unha fronte común con colectivos que avogan pola defensa dunha intermodal digna, tales como o Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) ou a Plataforma Tren Digno.