Deputación de Ourense INICIATIVAS

Reclamamos ao Goberno central un novo proxecto para a estación intermodal de Ourense

O PSDEG-PSOE DE OURENSE RECLAMARÁ NA DEPUTACIÓN QUE O GOBERNO CENTRAL PRESENTE “ALTERNATIVAS” AO ACTUAL “PROXECTO PREXUDICIAL” DE ESTACIÓN INTERMODAL DE OURENSE

Tamén demanda a execución da variante exterior, a adaptación do vello túnel de Padornelo á alta velocidade e a duplicación da vía entre Olmedo e Zamora “para acadar unha operatividade óptima e plena”

Ante unha moción do BNG con “propostas inconexas”, o PSOE considera que “é clave por o foco na intermodal e na finalización da LAV, os proxectos máis importantes de Ourense neste século”

Ourense, 25 de febreiro de 2021. O PSdeG-PSOE de Ourense reclamará na Deputación Provincial que o Goberno central presente, canto antes, alternativas ao actual “proxecto prexudicial” da estación intermodal da terceira cidade de Galicia que está a tramitar. Os socialistas insisten en que o Executivo debe impulsar “canto antes” unha obra ferroviaria “digna e de calidade”, condicións que a proposta actual non reúne, desde que foi aprobada “pola porta de atrás” mediante un “cambiazo” redactado “sen consenso” polo goberno de Mariano Rajoy sendo ministra, Ana Pastor.

Ante unha moción do Bloque Nacionalista Galego con “propostas inconexas” para todo o ámbito ferroviario, o PSdeG-PSOE considera que “neste momento é clave por o foco e todos os esforzos na mellora da estación intermodal e na finalización completa da LAV (liña de alta velocidade) galega, os proxectos máis importantes de Ourense neste século”.

E, por iso, o grupo provincial socialista rexistrou hoxe unha emenda de engádega a esa moción para reclamar ao Goberno de España que “busque de maneira urxente alternativas” ao proxecto da intermodal que será “a porta de entrada da alta velocidade a Galicia” e que “debe ser digna, de calidade e estar adaptada ás necesidades de integración urbana da cidade”. Os socialistas recordan que esta modificación “non suporía ningún tipo de atraso nos prazos para a chegada” dos servizos de alta velocidade, previstos para este 2021.

A iniciativa tamén propón instar ao Goberno central a que “continúe a cumprir os compromisos orzamentarios e de licitación do último tramo da liña de alta velocidade, entre Taboadela e a estación Ourense-Empalme, tramo coñecido como variante exterior de Ourense, así como de adaptación do vello túnel de Padornelo á alta velocidade, para poder completar o tramo de doble vía da LAV entre as estacións de Pedralba de la Pradería e A Gudiña”. Igualmente demanda duplicar a vía entre Olmedo e Zamora. Trátase de obras imprescindibles para acadar unha operatividade óptima e plena neste novo corredor ferroviario que dará acceso a toda Galicia.

Igualmente, o texto demanda ao Mitma a “convocatoria urxente” da comisión de seguimento do convenio de colaboración para o desenvolvemento da futura estación intermodal e o seu entorno urbano, co fin de “proceder á redacción dun novo convenio ou modificación do actual”, para que “se recollan os compromisos e as actuacións vitais e irrenunciables para a chegada do AVE”. Entre estas actuacións mencionan expresamente a variante exterior –actualmente xa en trámite de expropiacións– da cidade; solucións á afectación dos núcleos da contorna urbana de Ourense como Seixalbo, Oira, Peliquín ou Mende; e un anexo detallado co financiamento e os prazos.