Concello de Ourense FONDOS PÚBLICOS

Propoñemos a creación dun grupo de traballo para a captación de fondos Next Generation para a cidade de Ourense

O PSDEG-PSOE VALORA OS FONDOS NEXT GENERATION COMO “O PLAN MARSHALL DO S.XXI” E DENUNCIA A PASIVIDADE DE JÁCOME ANTE UNHA “OPORTUNIDADE HISTÓRICA” PARA MUDAR OURENSE

Os socialistas propoñen a creación dun grupo de traballo para a captación de fondos europeos que permitan relanzar proxectos clave para a cidade, como son o termalismo ou a xeotermia

Anuncian que levarán unha moción ao pleno para “empezar a traballar xa” e alertan de que non teñen constancia de que o Concello estea a trazar unha folla de ruta, “máis aló de ocorrencias puntuais”

Ourense, 3 de marzo de 2021. O PSdeG-PSOE vén de anunciar que levará unha moción ao pleno municipal deste venres para solicitar que o Concello de Ourense poña en marcha un grupo de traballo orientado á captación dos fondos de recuperación europeos, coñecidos como fondos Next Generation. Os socialistas alertan de que a pasividade do microgoberno pode lastrar unha “oportunidade histórica” para mudar Ourense e relanzar proxectos clave no ámbito do termalismo ou a xeotermia, entre outros.

O concelleiro Javier Rey, quen presentou a iniciativa do grupo municipal, fixo fincapé na necesidade de ter en conta os prazos para a captación das axudas europeas –un total de 140 millóns para os próximos seis anos– posto que as primeiras convocatorias “comezarán esta primavera”. Así as cousas, o socialista lamentou non ter constancia de que o Concello presentara ningunha iniciativa ante a eminente chegada dos fondos: “trátase do tren de reactivación da nosa economía, se o perdemos seguramente teremos moi poucas posibilidades semellantes nas próximas décadas”, advertiu.

“Estes fondos están vencellados a un resultado, non é unha cuestión de territorialidade”, abundou Rey sobre o funcionamento da concesión das axudas, cuxos eixos transversais son a transición ecolóxica e dixital e a cohesión social e territorial. O socialista detallou que “os cartos que se reciban finalmente dependerán moito do traballo que se faga en cada lugar”, ao tempo que avogou por sumar ideas e “elaborar un programa de actuacións histórico para o concello”.

“Non queremos quedarnos no furgón de cola. Queremos estar á vangarda. Estamos falando un Plan Marshal do s. XXI, non imos velo soamente como unha cuestión paliativa pola era post-Covid, senón que temos a oportunidade de facer cambiar a economía do concello de Ourense, se somos quen de traballar de forma ambiciosa. Nós temos ideas: as tecnoloxías, I+D, a saúde, a moda, a alimentación e fundamentalmente, o nó condutor, o termalismo e a xeotermia”, asegurou Rey.

Xeotermia e termalismo

Neste sentido, o concelleiro do grupo socialista municipal sinalou que a xeotermia ten “un encaixe perfecto” no eixo da transición ecolóxica, contemplado como unha cuestión fundamental nos fondos Next Generation, mentres que o termalismo se contemplaría como “un elemento de cohesión social”.

Deste xeito, o concelleiro amosouse convencido de que Ourense terá unha oportunidade se existe “un proxecto de calidade”, e subliñou a necesidade de levalo a cabo “xa”. Neste sentido, Rey explicou que hai Concellos en España que xa están chamando ao Ministerio e traballando a través de departamentos específicos creados ad hoc, mentres que en Ourense a folla de ruta non vai máis aló de “ocorrencias puntuais” do microgoberno de Jácome.

Pola súa banda, Rafa Villarino lamentou que, no ámbito termal, Ourense “só teña o nome” e destacou que “vai sendo hora de converter o potencial en realidade”. “Non podemos seguir agardando polo Concello”, sinalou o voceiro do grupo municipal socialista, que ademais fixo un chamamento ao resto de forzas municipais para apoiar que a moción de consenso saia adiante. “Debemos evitar que Ourense perda outra oportunidade”, advertiu, en relación á devolución de case un millón e medio da subvención da praza de abastos das Burgas polo desleixo do alcalde.

.