DEREITOS SOCIAIS INICIATIVAS

Celebramos o 8M cun gran encontro dixital con Carmen Avendaño

O PSDEG-PSOE DE OURENSE CELEBRA O DÍA INTERNACIONAL DA MULLER CUN GRAN ENCONTRO DIXITAL COA PRESIDENTA DA FUNDACIÓN ÉRGUETE, CARMEN AVENDAÑO

Avendaño amosou o seu orgullo de ser socialista e lembrou a importancia de loitar “dende a base”, posto que “a sociedade actúa de fío transmisor dos problemas aos que a política debe ofrecer solución”

As socialistas Marina Ortega, Uxía Tizón, Carme Rodríguez Dacosta e Laura Seara recoñeceron a “matriarca” que se ergueu contra os narcotraficantes como unha “referente” a seguir na loita feminista

Ourense, 8 de marzo de 2021. Os socialistas ourensáns conmemoraron este luns o Día Internacional da Muller cun gran encontro dixital coa presidenta da Fundación Érguete, Carmen Avendaño, quen sinalou a importancia de loitar “dende a base”, posto que a sociedade “actúa de fío transmisor dos problemas aos que a política debe dar solución”.

Tras máis de tres décadas de compromiso coas persoas drogodependentes e coas súas familias, a “matriarca” que se ergueu contra os narcotraficantes amosouse “orgullosa de ser muller e socialista”. Malia recoñecer que non sempre foi doado, a presidenta de Érguete manifestou que a súa afouteza lle deu folgos para seguir adiante: “tiven dificultades, pero eu son moi ‘cabezota’, e cando creo nalgo, insisto”. 

Neste sentido, a deputada Uxía Tizón subliñou a importancia de recoñecer e contribuír a manter vivo o “legado” de mulleres que, como Avendaño, “abriron portas que non deben volver pecharse nunca”. A socialista destacou que o 8M simboliza “as ganas de salarios dignos, de ter o recoñecemento merecido e de ver o mundo con igualdade”.

Na súa intervención, a parlamentaria Marina Ortega falou do arraigamento do feminismo no Partido Socialista e da importancia das mulleres que son referentes no eido local, posto que “deixan unha pegada máis profunda”.

Na mesma liña se pronunciou a que fora secretaria de Estado de Igualdade, Laura Seara, quen ademais animou ás socialistas a “non parar para non retroceder” e lembrou que a loita das mulleres é “esa pinga que fende a máis dura das rochas: o machismo”.

Pola súa banda, a parlamentaria Carme Rodríguez Dacosta puxo o foco nos efectos da pandemia sobre a situación laboral das mulleres. “Somos as grandes prexudicadas de novo: estamos a cargo dos coidados familiares e os postos aos que accedemos son temporais e máis precarios”, afirmou. Ademais, sinalou que “a fenda salarial afecta a todo o ciclo de vida da muller, dende o paro ata a xubilación”. Neste sentido, Dacosta apuntou que “en 2002 a diferencia entre a pensión dos homes e das mulleres era de 189 euros, mentres que hoxe está en 414 euros”.

O secretario provincial do PSdeG-PSOE en Ourense, Rafa Villarino, pechou o encontro lamentando a “involución” da cidade de Ourense en políticas de igualdade e agradecendo o exemplo de Avendaño: “dáse a casualidade de que é unha muller, socialista e valente, como todas as mulleres que estades hoxe aquí”, concluíu Villarino.