Concello de Ourense

Denunciamos o peche da Oficina do Voluntariado por parte de Jácome

O PSDEG-PSOE DE OURENSE ALERTA DO PECHE DA OFICINA DO VOLUNTARIADO POR PARTE DO MICROGOBERNO E ACUSA A JÁCOME DE “DESMANTELAR” OS SERVIZOS MUNICIPAIS DA ÁREA SOCIAL

Os socialistas lamentan que mentres todas as cidades galegas están a reforzar os servizos sociais, nomeadamente o voluntariado activo, en Ourense “desmantélase vía decreto”

Denuncian que as entidades do terceiro sector non están a ser recibidas polo alcalde e piden explicacións sobre o futuro das actuacións de servizo á cidadanía que levan a cabo os voluntarios

Ourense, 14 de marzo de 2021. O PSdeG-PSOE denuncia o peche da Oficina do Voluntariado por parte do microgoberno e acusa ao alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, de “desmantelar” os servizos municipais ligados área social, aplicando así unha política de destrución idéntica á que leva a cabo na área cultural.

“A falta de compromiso do microgoberno con cada unha das áreas do concello é cada vez máis latente e patente, en especial coa área social da que depende esta oficina”, denunciou a concelleira Concha García. “Estamos falando dun espazo que ten que ver co diálogo, a acción, a solidariedade, a cooperación e a integración, todos eles valores de transformación a favor da xustiza social”, detallou.

Concelleiros e concelleiras socialistas ante a Oficina Municipal do Voluntariado (OMV) de Ourense, na praza de San Martiño.

“Unha das ferramentas máis importantes que temos para loitar contra a desigualdade é o voluntariado activo” defendeu a socialista, quen subliñou que este servizo é necesario “sempre”, e máis aínda en tempos de Covid. Neste sentido, García asegurou que, mentres todas as cidades galegas están a reforzar os servizos sociais, nomeadamente o voluntariado activo, en Ourense “desmantélase vía decreto”.

Dende o grupo municipal socialista pregúntanse que vai que vai pasar coas actuacións de servizo á cidadanía que levaban a cabo os voluntarios e voluntarias e coas convocatorias de actividades ou o voluntariado por mor da Covid, e esixen que o alcalde dea explicacións públicas dos motivos polos que tomou a decisión de clausurar este espazo. 

“Unha vez máis, esta cidade é a única, a primeira e esperemos que a última que pecha unha oficina de voluntariado municipal. Non nos sorprende, a ludoteca das Lagoas está pechada, o centro de coñecemento de La Molinera non está posto en valor, e vimos de ter un 8 de marzo sen programación. Desde o comezo do seu mandato o único que fixo Jácome foi restar e restar”, concluíu a socialista.

Pola súa banda, o voceiro dos socialistas no Concello, Rafa Villarino, reivindicou a importancia de manter esta oficina, “máis necesaria que nunca”, posto que “cando os propios servizos municipais non funcionan, ponse en valor o voluntariado”.

Ademais, Villarino alertou de que as entidades do terceiro sector están a pedir voz e non son atendidas, e lembrou que co Partido Popular a Oficina do Voluntariado xa estaba pechada ou non funcionaba. “Hoxe está definitivamente liquidada”, lamentou o socialista, quen apelou unha vez máis aos populares para que dean un paso necesario e “poñan fin ao esperpento, o desmantelamento e a parálise”.