Deputación de Ourense INICIATIVAS

O PSdeG-PSOE reclama reformar a Lei de Saúde coa que Feijóo implantou un “estado de alarma permanente”

O PSDEG-PSOE DE OURENSE RECLAMARÁ REFORMAR A LEI DE SAÚDE QUE O PP APROBOU “SEN CONSENSO E Á FORZA” CO ÚNICO FIN DE INSTALAR UN “ESTADO DE ALARMA PERMANENTE EN GALICIA”

Os socialistas instarán, desde a Deputación de Ourense, un cambio normativo que atenda aos principios de legalidade e competencia fronte ao “principio ditatorial” que o PP galego “esparexeu”

O Consello de Estado ditaminará sobre a súa inconstitucionalidade tras denunciar o PSdeG-PSOE unha “vulneración flagrante de dereitos fundamentais” aproveitando “o medo xerado pola pandemia”

Ourense, 18 de marzo de 2021. O PSdeG-PSOE reclamará a reforma inmediata da nova Lei de Saúde de Galicia que o PP aprobou en solitario no Parlamento, unha norma coa que instala un “estado de alarma permanente” na comunidade autónoma. Ante estes feitos “de especial gravidade” que “vulneran preceptos constitucionais”, os socialistas instarán, desde a Deputación de Ourense, a impulsar un cambio que atenda aos principios de legalidade e competencia fronte ao “principio ditatorial” que os conservadores galegos “esparexeron” nesta norma.

A proposta reclama iniciar una reforma “en consenso con todas as forzas políticas, axentes sociais, sociedades científicas, representantes das administracións locais e do ámbito xurídico galego”. Esta reforma estará “orientada a mellorar aspectos que poidan contribuír a optimizar o sistema legal de protección da saúde pública”, pero “sen implantar medidas restritivas de liberdades e dereitos fundamentais e baseándose en valoracións sanitarias”.

A iniciativa asegura que “a pesares dos anuncios e intentos de dulcificación, a medida lexislativa que impulsou sen consenso o Partido Popular de Galicia, ten implicacións legais de gravidade”, polo que consideran “perentorio” un cambio que respecte o marco legal. O PSdeG-PSOE recorda que “esta lei incluso pretende evitar procedementos administrativos nas sancións ou a petición de autorización xudicial para a restrición de dereitos, como sucede ata o de agora”, algo que vulnera as reglas básicas dunha democracia.

Estes novos preceptos supoñen unha “vulneración inapropiada e innecesaria” que o PP “impuxo á forza aproveitando o medo xerado pola pandemia da Covid-19”, unha posible inconstitucionalidade “indecente”, denuncian os socialistas. “A utilización dos medos e dos temores para lexislar contra os dereitos e liberdades non aceptable”, insisten antes de denunciar que “os gobernos non poden aproveitarse deste escenario para implementar medidas de corte autoritario” porque “todo o que contempla a lei para ben, xa está regulado noutras normas”.

“Estamos ante un ataque contra a liberdade” xa que a Xunta de Galicia impón un “réxime sancionador autoritario camuflado tras unha lei de saúde”, polo que, desde o PSdeG-PSOE ourensán agardan que “todos os grupos da corporación provincial se sumen á defensa da legalidade, da liberdade e a garantir os dereitos fundamentais de toda a veciñanza”.

Norma inconstitucional

O último Consello de Ministros acordou solicitar ao Consello de Estado un ditame –que deberá emitir nas próximas semanas– sobre a inconstitucionalidade desta norma, unha postura que comparten os socialistas ourensáns, xa que recibiu “observacións de inconstitucionalidade” por parte de varios departamentos ministeriais.

Desde o PSdeG-PSOE advirten que, entre outras cousas, a Lei de Saúde introduce restricións aos dereitos fundamentais que, segundo o artigo 81 da Constitución, están reservadas a súa regulación mediante lei orgánica e, polo tanto, só poden ser ditadas polo poder lexislador estatal. Tamén destacan que pode vulnerar o artigo 116 da Constitución que regula os estados excepcionais e que incluso afecta á reserva de lei orgánica en materia sanitaria ao respecto da posibilidade de obrigar aos cidadáns a vacinarse.