Denuncias Deputación de Ourense

O PP de Baltar e a tránsfuga, Montse Lama, apoian a Lei de Saúde de Feijóo que vulnera dereitos fundamentais

O PSDEG-PSOE DENUNCIA QUE O PP E A TRÁNSFUGA, MONTSE LAMA, APOIAN UNHA LEI DE SAÚDE DE GALICIA INCONSTITUCIONAL QUE QUERE IMPOR UN «ESTADO DE ALARMA PERMANENTE»

Elvira Lama defendeu unha moción para reclamar unha reforma da Lei de Saúde galega que os socialistas consideran inconstitucional por ser un “ataque frontal contra as liberdades públicas”

Ourense, 25 de marzo de 2021. Os socialistas defenderon no pleno da Deputación de Ourense, unha modificación da Lei de Saúde de Galicia, trala reforma aprobada polo Partido Popular galego con motivo da pandemia da Covid-19 e que, a criterio dos expertos e técnicos consultados, contén disposicións “manifestamente inconstitucionais” que “instala un estado de alarma permanente” e que ten “trazas autoritarias”. De feito, o Goberno central xa acordou solicitar ao Consello de Estado un ditame –que deberá emitir nas próximas semanas– sobre a inconstitucionalidade desta norma.

A iniciativa vetada só polo PP e pola deputada tránsfuga, Montse Lama, reclamaba iniciar unha reforma “en consenso con todas as forzas políticas, axentes sociais, sociedades científicas, representantes das administracións locais e do ámbito xurídico galego”. Esta reforma estaría “orientada a mellorar aspectos que poidan contribuír a optimizar o sistema legal de protección da saúde pública”, pero “sen implantar medidas restritivas de liberdades e dereitos fundamentais e baseándose en valoracións sanitarias”.

A vicevoceira, Elvira Lama, manifestou que esta lei “supón un ataque frontal contra as liberdades públicas” por razóns de “forma e fondo”, posto que “esta normativa foi proposta polo PP, non polo goberno da Xunta, o que eximiu á norma da emisión de informes importantes durante a tramitación”, o que “evidencia as dúbidas dos propios populares sobre a súa legalidade”. “Non debemos de permitir que a dereita aproveite a pandemia para recortar liberdades”, resaltou a deputada antes de denunciar que “estamos ante o paradoxo de que o mesmo Feijóo que non quería un estado de alarma durante a pandemia, quere agora un estado de alarma permanente no seu territorio”.

“Estamos ante un ataque moi relevante contra as nosas liberdades” xa que a Xunta de Galicia impón un “réxime sancionador autoritario camuflado tras unha lei de saúde”, insisten os socialistas de Ourense. Lama tamén dixo que esta lei “adoece de fundamentos de constitucionalidades” e recordou que “a propia secretaría de Igualdade da Xunta emitiu un informe en contra”.

Pleno de marzo da Deputación de Ourense

Desde o PSdeG-PSOE explican que esta Lei de Saúde introduce restricións aos dereitos fundamentais que, segundo o artigo 81 da Constitución, están reservadas a súa regulación mediante lei orgánica e, polo tanto, só poden ser ditadas polo Estado. Tamén pode vulnerar o artigo 116 da Constitución que regula os estados excepcionais, e afecta á reserva de lei orgánica en materia sanitaria, un rango normativo ao que non teñen acceso as autonomías.