INFRAESTRUCTURAS Xunta

Denunciamos que a Xunta pretende esnaquizar o Parque das Letras de Ourense para construír un novo skate park

O PSDEG-PSOE DENUNCIA QUE A XUNTA PRETENDE ESNAQUIZAR O “EMBLEMÁTICO PARQUE DAS LETRAS” PARA CONSTRUÍR UN NOVO SKATE PARK COA COMPLICIDADE DO PP E A PASIVIDADE DE JÁCOME

Os socialistas esixen que o alcalde defenda a protección deste enclave verde que a Xunta quere desmantelar e acusan a Ethel Vázquez de “xogar ao Tetris” coas infraestruturas de Ourense

Alertan de novas “chapuzas” nas obras da segunda fase da rehabilitación da Ponte Romana, como o levantamento dunha plataforma de formigón que podería desvirtuar a contorna

Ourense, 28 de marzo de 2021. O PSdeG-PSOE de Ourense denuncia que a Xunta pretende esnaquizar o “emblemático Parque das Letras” para pór en marcha a construción dunha nova pista de deportes urbanos ou skate park, eliminando así outro espazo verde da cidade coa complicidade do PP e a total pasividade de Jácome.

“O  proxecto conta coa oposición frontal da veciñanza” asegura o concelleiro Wilson Jones, quen defende que se leven a cabo novas instalacións deportivas na cidade “sempre e cando non se faga a costa de estragar zonas verdes”. Neste sentido, Jones afirma que o Parque das Letras é “un espazo interxeracional que conta con moita afluencia de nenos e maiores, ademais dun pulmón que debemos protexer e preservar”.

Dende o grupo municipal socialista censuran que o alcalde anunciara a través das redes sociais a súa intención de emprazar a nova dotación da Xunta no Parque das Letras, para logo confirmalo no Consello Municipal de Deportes a preguntas dos socialistas. “Asistimos con asombro a un novo episodio de Jácome actuando pola súa conta e risco, de costas á veciñanza e sen contar cos grupos políticos”, manifestan.

Neste sentido, esíxenlle ao alcalde que defenda a protección deste enclave verde que a Xunta quere desmantelar, ao tempo que acusan a Ethel Vázquez de “carecer de visión de futuro” para a cidade e de dedicarse a “xogar ao Tetris” coas infraestruturas de Ourense. “Por culpa deste tipo de política levada a cabo polo PP, agora temos que asumir dotacións que poden caer no abandono e hipotecar a cidade”, condenan.

Parque do Couto

Os socialistas lembran que o PP levou unha iniciativa ao pleno de marzo para demandar a construción dun novo skate park a maiores do que está proxectado e en execución no Parque do Couto, “recoñecendo así que este non é suficiente para atender as necesidades das persoas usuarias, que xa avanzaron a súa intención de levar os deportes a Pereiro de Aguiar ante a ausencia dunha alternativa apta para a práctica das súas disciplinas deportivas”.

“Pola nosa parte, dende o inicio rexeitamos a construción da pista de deportes urbanos no Parque do Couto por considerar que podía estragar unha importante zona verde da cidade cun significativo patrimonio arbóreo; e porque contaba co rexeitamento das veciñas e veciños do barrio”, manifestan desde o grupo municipal socialista.

“Novas chapuzas”

Por outra banda, os socialistas alertan de novas chapuzas nas obras da segunda fase de rehabilitación da Ponte Romana, como o levantamento dunha “sospeitosa” plataforma de formigón sobre a que xa solicitaron os informes de Patrimonio correspondentes na última Xunta de Área de Urbanismo. 

“Cremos que pode ser outro mamotreto sen sentido e tememos que poida desvirtuar a contorna da Ponte Romana”, advirten, ao tempo que lamentan que non se incluíra no proxecto das obras “unha actuación tan básica como o arranxo da beirarrúa sita no barrio da Ponte, ao inicio da Ponte Romana”, que leva pechada dous anos e con risco de desprendementos. “Estamos a perder unha oportunidade histórica para acondicionar con visión de futuro unha zona clave para o desenvolvemento urbano de Ourense”, conclúen.