EMIGRACIÓN INICIATIVAS

Os retornados de Alemaña poderán deducir as cotizacións á seguridade social

A SECRETARÍA PROVINCIAL DE EMIGRACIÓN DO PSDEG-PSOE DE OURENSE INFORMA AOS PENSIONISTAS RETORNADOS DE ALEMAÑA DE QUE PODERÁN DEDUCIR AS COTIZACIÓNS Á SEGURIDADE SOCIAL

A sentenza do TEAC, aplicable ás pensións exclusivamente estranxeiras, establece que as contribucións á seguridade social do país de orixe son gastos deducibles na declaración da renda

Estiman que entre o 30% e o 40% dos emigrantes retornados que residen en Ourense cobran unha pensión de Alemaña, polo que valoran que a resolución terá un impacto moi positivo na provincia

Ourense, 31 de marzo de 2021. A Secretaría Provincial de Emigración do PSdeG-PSOE vén de informar aos pensionistas retornados de Alemaña de que poderán deducir os gastos relativos ás cotizacións á Seguridade Social do país de orixe. O secretario de Emigración, Luís Gulín, e o avogado José Díaz deron conta hoxe en roda de prensa aos medios dunha recente resolución do 23 de marzo de 2021, emitida por parte Tribunal Económico-Administrativo Central, que establece que nas pensións percibidas con orixe en Alemaña, os conceptos de “Seguro de Enfermidade Obrigatorio” e “Seguro de Asistencia Social” deben ser considerados gastos deducibles para o cálculo da declaración da renda.

“Temos boas novas para os emigrantes retornados que cobran pensión exclusivamente estranxeira, e especialmente para o colectivo de Alemaña, aínda que o acordo do TEAC beneficia a todos os pensionistas exclusivos da Unión Europea”, anunciou Gulín. Neste sentido, o avogado José Díaz remarcou que a dedución sobre os gastos asociados á Seguridade Social do país de orixe é “unicamente aplicable a emigrantes que cobren pensións estranxeiras”.

Díaz abundou no percorrido desta resolución, que responde á necesidade de unificar o criterio de referencia. “En 2019 conseguimos unha sentenza estimatoria, pero durante case dous anos a Axencia Tributaria ignorouna, argumentando que era simplemente aplicable á persoa que gañou o preito. Agora, o TEAC establece con claridade que os gastos da Seguridade Social son deducibles na renda, e que se ten que acomodar o criterio de interpretación da Axencia Tributaria a esta resolución”, asegurou Díaz.

Os socialistas estiman que entre o 30% e o 40% dos arredor de 10,000 emigrantes retornados que residen en Ourense cobran unha pensión de Alemaña, polo que valoran que a resolución terá un impacto moi positivo na provincia.

“Unha persoa que gañe en torno a 1,000 euros mensuais contribúe cunha media de 100 euros para esas cotizacións, uns 1,200 euros anuais. Ademais, Facenda retrae outros 600 ou 700 euros porque computa esas cotizacións como parte da pensión”, explicou Díaz, que denunciou que cada ano os pensionistas perden “arredor do 20% dos seus ingresos”, o que supón unha carga fiscal “moi elevada”, polo que fixo un chamamento a todos os emigrantes retornados que se atopen nesta situación a que reclamen.

Dende a Secretaría Provincial de Emigración do PSdeG-PSOE en Ourense aseguran que continuarán traballando para protexer os dereitos das persoas emigrantes retornadas en Ourense. Neste sentido, lembran que están a loitar para que as prestacións de dependencia alemás queden exentas de tributacións, así como polo recoñecemento das invalideces estranxeiras: “estamos intentando que o Tribunal de Xustiza da Unión Europea nos dea a razón neste sentido”.