Concello de Ourense cultura

Esiximos a posta en marcha urxente dun plan de rescate cultural para Ourense

O PSDEG-PSOE ABRE UNHA ROLDA DE CONTACTOS PARA PROTEXER AS ENTIDADES DA CULTURA AMEAZADAS POR JÁCOME E ESIXE A POSTA EN MARCHA DUN “PLAN DE RESCATE CULTURAL” EN OURENSE

Os socialistas mantiveron encontros con entidades senlleiras da cidade como o Liceo, o Ateneo, Queixumes dos Pinos ou o Cineclube Padre Feijóo para escoitar as súas demandas

Alertan da situación crítica que atravesan moitas organizacións e urxen un plan de rescate cultural para evitar que “a Atenas de Galicia quede reducida a cascotes” pola política “destrutiva” do alcalde

Ourense, 3 de abril de 2021. O PSdeG-PSOE de Ourense vén de iniciar unha rolda de contactos co obxectivo de protexer as entidades da cultura da cidade, en liña cos compromisos do seu programa electoral e ante a política de “maltrato e destrución” do microgoberno.

Así, despois de que Jácome fixese pública a súa intención de privatizar as infraestruturas culturais da cidade, dende o grupo municipal socialista dan un paso á fronte, reclamando que se poña en marcha, de xeito urxente, “un plan de rescate cultural” para Ourense, co obxectivo de protexer as asociacións e entidades culturais da cidade e evitar a súa desaparición.

Javier Rey, Rosa Martínez e Rafa Villarino acompañados do presidente da asociación folclórica ‘Queixumes dos Pinos’.

“Estamos a falar de organizacións senlleiras que constitúen auténticas sinais de identidade da nosa cidade, e que se atopan seriamente ameazadas”, advirten os socialistas despois de manter encontros de traballo con representantes do Liceo, o Ateneo, Queixumes dos Pinos ou o Cineclube Padre Feijoo, coa finalidade de escoitar as súas demandas.

Durante estes encontros, os socialistas destacaron a necesidade de manter vivo o escaso tecido cultural existente na cidade e de coidar dos seus actores para evitar que “a Atenas de Galicia quede reducida a cascotes” pola “política destrutiva” do alcalde-empresario Jácome.

“A cultura é un dereito, non un negocio”, aclaran os socialistas, ao tempo que adiantan que continuarán reuníndose con diferentes axentes culturais para “unir forzas a favor da protección e posta en valor da riqueza cultural da cidade”.