concellos INICIATIVAS

Os socialista de Pereiro piden a realización dunha auditoría sobre o servizo municipal integral da auga

O PSDEG-PSOE DE PEREIRO INSTA AO CONCELLO A QUE SE “COMPROMETA” A REALIZAR UNHA AUDITORÍA SOBRE O SERVIZO MUNICIPAL INTEGRAL DA AUGA DO MUNICIPIO

Os socialistas tamén lle piden ao goberno municipal a elaboración dun plan para a xestión do Ciclo Integral da auga en Pereiro, así como as actuacións pertinentes para buscar financiamento

O voceiro do PSdeG-PSOE, Jorge Gutiérrez, “é fundamental” coñecer cal é a situación real do servizo integral da auga, así como a súa “diversa problemática e necesidades principais a curto e longo prazo”

Pereiro, 7 de abril de 2021. O PSdeG-PSOE de Pereiro de Aguiar defenderá unha moción no pleno municipal do vindeiro venres na que insta ao Concello a comprometerse a realizar unha auditoría sobre o servizo municipal integral da auga, desde a captación ata a vertedura, incluíndo o seu posible reemprego. Os socialistas tamén lle piden ao goberno municipal que amose o “seu compromiso” para a elaboración dun plan para a xestión do ciclo integral da auga en Pereiro e que leve a cabo as xestións oportunas con outras administracións para financiar a execución de dito plan.

Dende o ano 2008, o Grupo Municipal Socialista leva presentadas multitude de iniciativas orientadas a planificar dunha forma “axeitada” o presente e futuro da xestión integral da auga en Pereiro de Aguiar, incluíndo o seu financiamento. Neste senso os socialistas volven a avogar por unha xestión “máis eficaz e eficiente” do servizo integral da auga, a través desta moción, xa que consideran que require dunha “visión e consideración de conxunto”, tendo en conta o incremento de poboación do municipio, a ampliación do Parque Empresarial, o futuro parque acuático, ou outras novas necesidades nos próximos anos (turísticas, industriais, recreativas…), así como o cumprimento dos obxectivos ambientais e protección das augas da normativa europea, co fin de alcanzar un bo estado dos ríos e encoros. Consideran tamén que para unha boa xestión integral e completa da auga, debe terse en conta a unidade do ciclo hidrolóxico, os distintos usos da auga, aspectos cuantitativos, cualitativos, económicos e medio ambientais.

Os socialistas sinalan que a través dunha auditoría hídrica pódense extraer “importantes” datos e información dos “usos da auga, cantidade empregada e calidade da mesma” e que ademais detecta “problemas” e serve de base para o establecemento de solucións que permiten xestionar de forma eficiente a auga. Unha opción que para o PSdeG-PSOE de Pereiro “aportará maior eficiencia do servizo, aforro de custes, mellora da calidade das augas vertidas, e una xestión máis sostible”.

Para o voceiro municipal dos socialistas en Pereiro de Aguiar, Jorge Gutiérrez, “é fundamental” coñecer cal é a situación real do servizo integral da auga, así como a súa “diversa problemática e as necesidades principais a curto, medio e longo prazo”. Gutiérrez considera que tamén “é necesario” que se expoña, ademais do modelo de xestión, “os investimentos necesarios, a financiación, melloras na xestión e eficiencia, así como reducir os custes do servizo.

Os socialistas estiman que a facturación por consumo de auga do servizo de abastecemento domiciliario de auga potable do municipio  “é superior” aos 500.000 euros anuais. Un servizo que dende 2015 está xestionado mediante concesión pola empresa Viaqua. Lembran tamén o programa de cooperación coa Deputación Provincial para a prestación de asistencia técnica para a xestión da estación de tratamento de auga potable do río Miño en Melias e bombeo en alta, onde se establecen as tarifas en contraprestación do servizo prestado.

Gutiérrez sinala que “algo falla” xa que no último verán produciuse unha situación de “alerta” en relación a subministración de auga potable, “prohibíndose encher as piscinas e depósitos, regar hortos ou explotacións agrícolas ou lavar vehículos e patios”. O voceiro do PSdeG en Pereiro apunta tamén que no mes de decembro do 2020 “detectáronse valores de turbidez na rede de abastecemento municipal de Pereiro de Aguiar e souberon que deixou de ser apta durante uns días, para o consumo humano para varias poboacións do municipio, realizándose entrega de auga potable en botellas nas distintas parroquias afectadas”.

Os socialistas piden que se “mellore o servizo” a través de este plan de xestión e da auditoría no servizo municipal da auga e lembran tamén o gran número de depuradoras e fosas sépticas municipais que verten ao río Miño e os seus afluentes como o regato de Prada, o río Loña, os regatos Grañal e Gaiola, que afectan tamén dunha maneira “significativa” á calidade da auga dos encoros de Cachamuíña e Castadón.