Concello de Ourense Mobilidade

Esiximos que o microgoberno execute o PMUS ante o alarmante aumento de atropelos na cidade

O PSDEG-PSOE DE OURENSE ALERTA DO ALARMANTE AUMENTO DE ATROPELOS NA CIDADE E URXE AO MICROGOBERNO A POSTA EN MARCHA INMEDIATA DO PLAN DE MOBILIDADE URBANA SOSTIBLE

Lembran que medidas tales como a implantación da “cidade 30”, de obrigada aplicación a partir do 11 de maio, xa tiñan que estar en vigor hai meses, ao contar cos informes favorables da Policía Local

Denuncian que Jácome segue sen convocar a comisión de seguimento do PMUS e subliñan a necesidade de priorizar a mobilidade, “un tema crucial no Plan de Recuperación anunciado polo Goberno central”

Ourense, 18 de abril de 2021. O PSdeG-PSOE alerta do alarmante aumento de atropelos na cidade durante as últimas semanas, polo que urxen ao “microgoberno” a pór en marcha, de forma inmediata, o Plan de Mobilidade Urbana Sostible, un documento referendado pola Xunta de Goberno do Concello en novembro de 2019 e que, dende entón, leva “pechado nun caixón”.

Os socialistas sinalan que o repunte no número de atropelos pon de relevo “a necesidade urxente de pacificar a convivencia entre coches e peóns e lograr unha mobilidade segura para as persoas, un aspecto amplamente contemplado e desenvolto no PMUS”, ao tempo que denuncian o “desleixo” de Jácome, que segue sen convocar a comisión de seguimento do plan, malia anunciar en Xunta de Área que o faría á volta de Semana Santa.

Imaxe de Google Maps da rúa Pena Trevinca.

“Seguimos agardando por un alcalde ao que non lle preocupa o máis mínimo a seguridade e saúde dos peóns, que asiste inmutable ao aumento da sinistralidade, e cuxa única pretensión en materia de mobilidade é encher Ourense de aparellos mecánicos”, condenan dende o grupo municipal socialista.

Así, na antesala da entrada en vigor o vindeiro 11 de maio dos novos límites de velocidade nas vías urbanas –que implicarán a redución obrigatoria de 50 a 30 ou 20 km/h na meirande parte de estradas da cidade–, os socialistas lembran que a implantación da chamada “cidade 30” xa tiña que estar funcionando en Ourense dende hai meses, ao contar cos informes favorables da Policía Local.

“Esixímoslle ao alcalde que priorice un tema que consideramos crucial para a cidade, e máis aínda no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia anunciado polo Goberno central, no que a mobilidade sostible, segura e conectada é un dos obxectivos primordiais e con maior dotación orzamentaria”.