concellos Denuncias

Os socialistas de Viana denuncian unha nova demora no arranxo da estrada de San Agostiño por un erro do goberno de Baltar

O PSDEG-PSOE DE VIANA DENUNCIA QUE O ARRANXO DA ESTRADA DE SAN AGOSTIÑO DEMÓRASE POR MOR DUN ERRO DO GOBERNO DE BALTAR MÁIS PENDENTE DE GOBERNAR CON TRÁNSFUGAS QUE DE DAR SOLUCIÓNS AOS PROBLEMAS DA VECIÑANZA

Os socialistas tiveron constancia que debido a un erro na clasificación esixible ás empresas que podían participar na adxudicación, o proceso debe retrotraerse, polo que “non poderán comezar as obras”

Dende o PSdeG-PSOE de Viana pregúntanse “senón haberá algún fin espurio detrás deste erro” e esíxenlle ao goberno provincial que “se poña a traballar canto antes para arranxar unha demanda histórica”

Viana do Bolo, 12 de abril de 2021. O PSdeG-PSOE de Viana do Bolo denuncia que o arranxo da estrada de San Agostiño “anunciado aos catro ventos” polo presidente da Deputación de Ourense terá que agardar despois dun erro non corrixible nas normas de preparación de contrato para a execución da obra. Os socialistas critican que o presidente da Deputación, José Manuel Baltar, estea “máis pendente de gobernar con tránsfugas” que de “arranxar” os problemas da veciñanza e facer que se cumpran os pactos acadados para solucionar unha demanda histórica dos veciños e veciñas de Viana do Bolo.

Os socialistas tiveron acceso a unha resolución do ente provincial, asinada o pasado 23 de abril e na que se desiste do procedemento incoado para a contratación da execución da obra denominada “reparación e acondicionamento das vías denominadas estrada de San Agostiño e estrada de San Agostiño embalse de As Pías por Cepedelo”, no municipio de Viana do Bolo, co fin de corrixir o defecto advertido incorporando ao expediente como xustificante de solvencia o certificado de clasificación correspondente o Grupo G (viarios e pistas), subgrupo 6 (obras viarias sen cualificación específica) e categoría 3.

“Por mor deste erro o proceso paralízase e deberá volver a saír a concurso a adxudicación das obras para que se presenten todas as empresas que o precisen”, explican dende o Grupo Municipal Socialista de Viana, que tamén critica que “por mor deste grave erro, a veciñanza terá que seguir agardando por un arranxo que levamos anos reclamando”.

Para os socialistas este erro amosa que o Partido Popular de Ourense “está máis pendente de manter o goberno provincial apoiado por tránsfugas, que de facer que se cumpran os requisitos nas adxudicacións para dar resposta aos problemas da veciñanza”. Consideran tamén que está situación deixa “en evidencia” ao PP e pregúntanse “senón haberá algún fin espurio detrás deste erro”, alegando que “son procedementos que se fan cada día e resulta moi curioso que o erro chegue nunha estrada que o pobo leva anos reclamando e na que os socialistas fomos parte vital da loita da veciñanza”.

Por último, dende a Agrupación Socialista de Viana do Bolo pídenlle ao goberno provincial do Partido Popular que “se poña a traballar canto antes para buscar solucións no menor tempo posible, posto que Viana non pode seguir agardando máis polo arranxo dun viario clave e que se atopa en pésimas condicións”. Finalizan afirmando que “xa vai sendo hora de rematar cunha débeda histórica”.