Deputación de Ourense INICIATIVAS

Esiximos actuar contra a lacra da soidade non desexada que xa afecta ao 13 % dos fogares de Ourense

O PSDEG-PSOE RECLAMARÁ UNANIMIDADE AOS PARTIDOS DA DEPUTACIÓN PARA IMPULSAR UN PLAN INTEGRAL CONTRA A SOIDADE NON DESEXADA QUE XA AFECTA AO 13 % DOS FOGARES

Hai ano que a Xunta anunciou o plan sen que o goberno galego fixese aínda nada, polo que os socialistas pedirán no pleno da Deputación de Ourense “acabar con esta terrible situación de abandono”

“A situación está a agravarse pola pandemia” así que “non podemos agardar máis” porque “é inaceptable atopar persoas mortas desde hai meses na súa casa sen que ninguén as bote de menos”, denuncian

Ourense, 28 de abril de 2021. O PSdeG-PSOE de Ourense promoverá a aprobación urxente dun plan integral contra a soidade non desexada, que xa afecta ao 13 % dos fogares da provincia. Nunha iniciativa que se debaterá no pleno da Deputación deste venres, reclamará unha diagnose deste problema e, de xeito prioritario e en función dos resultados desde estudo, a aprobación dun plan galego para actuar ante este fenómeno.

“Debemos acabar coa inacción da Xunta e actuar con premura, polo que esiximos máis accións e menos propaganda”, aseveran os socialistas. “A soidade non desexada e o sentimento de baleiro existencial son problemas reais que, por mor desta pandemia, están a producir situacións alarmantes”, advirten antes de matizar que “desde os poderes públicos cómpre traballar para implementar políticas que permitan manter a autonomía e independencia a medida que se envellece”, evitando así a “actual situación de terrible abandono”.

Hai máis dun ano que a Xunta de Galicia anunciou un plan de actuación destinado ás persoas en situación de soidade non desexada sen que, polo de agora, o goberno galego fixese nada. “A situación está a agravarse pero, polo de agora, seguen a ser persoas abandonadas”, así que “nin podemos nin debemos agardar máis”. “Deben desconxelar as medidas contra a soidade non desexada”, reclaman desde o PSdeG-PSOE.

No caso de Ourense, os datos do IGE describen que uns 17.000 veciños e veciñas de máis de 65 anos viven en soidade. Isto representa, aproximadamente, o 5,5 % do total de habitantes da nosa provincia. Este dato tamén destapa que máis do 13 % dos fogares ourensáns están conformados por persoas maiores en soidade. Ademais, a taxa de risco de pobreza é a máis alta de toda Galicia: un de cada cinco fogares (20,5 %) están nesa situación, unha porcentaxe moito maior que a das outras provincias galegas.

“É preciso previr a soidade dos nosos maiores e a súa seguridade, fomentando as súas capacidades psicolóxicas e funcionais, adaptando a súa contorna cultural e persoal, e fomentando un envellecemento activo e saudable” porque “a soidade é un dos maiores riscos de deterioro da saúde”. Entre as “alarmantes” consecuencias derivadas deste fenómeno destacan as persoas que deixan de comer; as que padecen depresións; e o risco de padecer agresións, roubos ou abandono total. “Non é aceptable atopar persoas mortas desde hai meses na súa casa sen que ninguén as bote de menos”, denuncian.

“O problema non só é unha cuestión que afecta aos maiores, pero ben é certo que 126.000 dos fogares unipersoais corresponden a persoas maiores de 65 anos” destacan os socialistas antes de matizar que “a maior parte están formados exclusivamente por mulleres”.

Desde o PSdeG-PSOE ourensán recordan que o Parlamento de Galicia alcanzou un acordo por unanimidade hai xa dous anos, co fin de reaccionar ante a soidade non desexada, polo que piden encarecidamente “a todas as forzas políticas do pleno provincial de Ourense esa mesma responsabilidade, para facer posible unha solución contra un problema que a pandemia fixo aínda máis urxente”.