Concello de Ourense INICIATIVAS

O PP bloquea unha moción para instar á Xunta a estudar unha solución ao peche dos espazos públicos termais de Ourense

O PP BLOQUEA UNHA INICIATIVA SOCIALISTA PARA INSTAR Á XUNTA DE GALICIA A ESTUDAR UNHA SOLUCIÓN URXENTE PARA EVITAR O PECHE DOS ESPAZOS PÚBLICOS TERMAIS DE OURENSE

A moción socialista para o rescate e posta en valor de Casa Taboada obtivo o respaldo de toda a corporación, coa excepción do microgoberno, que se abstivo por discrepancia coa emenda do BNG

O grupo de goberno abstívose nunha moción proposta polos socialistas para que o Concello se adhira á rede de entidades locais para o desenvolvemento da Axenda 2030

Ourense, 7 de maio de 2021. O PSdeG-PSOE de Ourense denuncia que o grupo municipal do Partido Popular no Concello de Ourense vén de bloquear, na sesión plenaria deste venres, unha iniciativa socialista para instar á Xunta de Galicia a estudar a nova Lei de aproveitamento lúdico das augas termais e así proporcionar unha solución “urxente” ao peche das pozas públicas da cidade.

Neste sentido, o concelleiro Javier Rey, esixiulle ao PP da cidade que aclare a súa postura, en alusión ás manifestacións da voceira deste grupo, Flora Moure, que hai unhas semanas manifestaba que o rexedor estaba a causar un estado de alarma “innecesario e falso” ao dicir que a oferta termal da cidade estaba “finiquitada”. “Quen di a verdade? O señor alcalde cando afirma que se eliminará o 80% da oferta termal, ou vostedes, cando dicían que o alcalde xeraba unha alarma innecesaria?”, preguntoulle o edil socialista a Moure.

“O termalismo en Ourense está na UCI, con respiración asistida e a punto de entrar nunha situación irreversible” alertou Rey, quen sinalou que “os responsables desta desfeita termal están na Xunta de Galicia”, coa cooperación “necesaria” do microgoberno de Jácome. “Van pór a norma ao servizo dos cidadáns ou os cidadáns ao servizo da norma?”, inquiriu o socialista, ao tempo que lembrou que o marco normativo introducido pola nova Lei 8/2019 de regulación do aproveitamento lúdico de augas termais de Galicia foi aprobado polos populares co rexeitamento frontal de todos os grupos da oposición.

Ademais, a moción socialista para o rescate e posta en valor de Casa Taboada obtivo o respaldo de toda a corporación, coa excepción do microgoberno, que malia amosar o seu apoio ao contido da iniciativa, se abstivo na votación por discrepancia coa emenda de engádega introducida polo Bloque Nacionalista Galego. Neste sentido, o voceiro socialista, Rafa Villarino, instou á Xunta de Galicia a desbloquear a inscrición do edificio modernista de Vázquez-Gulías no rexistro de Bens de Interese Cultural, e ao Concello de Ourense a estudar a compra ou expropiación do inmoble, cumprindo así co acordo plenario do 7 de setembro de 2018.

“Queremos darlle o valor que merece a unha obra emblemática. Non podemos permitirnos o luxo de seguir mirando como se desfai por fóra e por dentro. Estamos a falar dun arquitecto cun valor incalculable e dunha obra que debemos rescatar. Se isto sae adiante, o mérito será de Ourense”, defendeu Villarino.

Así mesmo, o socialista lembrou que a propia asociación Centro Cultural Daniel Vázquez Gulías vén de instar ao Concello, nun escrito remitido e asinado por Lucila Vázquez-Gulías o pasado 30 de abril de 2021, a iniciar os trámites oportunos para salvagardar e protexer o inmoble”.

Por outra banda, a concelleira Natalia González defendeu unha iniciativa para instar ao Concello a adherirse á Rede de Entidades Locais e acadar os obxectivos de desenvolvemento sostible marcados pola Axenda 2030. “A dez anos vista de 2030, estamos no momento de sumarnos a ese carro da modernidade”, defendeu González.

A moción obtivo o respaldo de toda a corporación excepto a dos edís do microgoberno, que se abstiveron. Neste sentido, a edil socialista lembroulles aos tres integrantes do goberno municipal que “Ourense está nas antípodas de cidades como Lugo e A Coruña, que son un exemplo de desenvolvemento sostible” e recriminoulles a súa “nula capacidade e coherencia cero”. “Son capaces de votar hoxe unha cousa e mañá, a contraria”, asegurou.

A socialista lembrou que, nun informe publicado a principios deste ano pola Rede Española para o Desenvolvemento Sostible sobre o estado de execución dos obxectivos de desenvolvemento sostible da Axenda 2030, Ourense unicamente cumpría dúas das 17 metas propostas.

“Este informe vén dicirnos que queda moitísimo por facer. E o máis preocupante é que, no que peor estamos, é en saúde e benestar das persoas, así como en chan industrial, enerxías alternativas e investigación”, alertou. “Non queremos seguir á cola”, destacou González.