Concello de Ourense Denuncias

Jácome despilfarra fondos públicos nunha enquisa electoral disfrazada de estudo sociolóxico

O PSDEG-PSOE DE OURENSE ACUSA A JÁCOME DE “DESPILFARRAR” FONDOS PÚBLICOS NA REALIZACIÓN DUNHA ENQUISA ELECTORAL “ENMASCARADA” DE ESTUDO SOCIOLÓXICO DE INTERESE PÚBLICO

Defenden que as enquisas son necesarias “para coñecer as necesidades reais no ámbito da exclusión e da emerxencia social do concello”, pero non para que Jácome obteña “información electoral”

Os socialistas pregúntanse pola “sospeitosa permuta” do candidato do PP na cidade, Jesús Vázquez, polo concelleiro Jorge Pumar, que relacionan coa “man na sombra” de Baltar

Ourense, 11 de maio de 2021. O PSdeG-PSOEde Ourense acusa a Gonzalo Pérez Jácome de “despilfarrar” fondos públicos do Concello na realización dunha enquisa electoral “enmascarada” de estudo sociolóxico de interese público e denuncian que o alcalde “esquilma” as arcas públicas cunha cuestión “que debería ser sufragada con fondos de Democracia Ourensana”. Así as cousas, os socialistas adiantan que rexistrarán unha petición de información a través da sede electrónica do Concello para coñecer, canto antes, o custe dunha iniciativa que consideran “totalmente inadmisible e impropia”.

Dende o PSdeG-PSOE de Ourense defenden que as enquisas son necesarias, “sempre e cando sirvan para coñecer as necesidades reais da cidadanía no ámbito da exclusión e da emerxencia social”; pero “non para que o alcalde obteña información electoral sobre o seu ambiguo futuro político nin para que o PP valore opcións en canto ao seu liderado na cidade”.

Neste sentido, dende o grupo municipal socialista advirten que no cuestionario da enquisa existe unha “sospeitosa permuta” do candidato do PP á alcaldía, Jesús Vázquez, polo concelleiro Jorge Pumar, un movemento que relacionan coa “man na sombra” do presidente da Deputación Provincial, Manuel Baltar.

“Non podemos permitir que o alcalde, xunto co PP, confunda deliberadamente os cidadáns, difuminando as fronteiras entre o interese público e o privado. Se queren facer unha enquisa electoral, que a fagan co diñeiro dos seus partidos, non co do Concello de Ourense” manifestan os socialistas ourensáns.

Así mesmo, reivindican que o desempeño institucional debe ser independente da axenda dos partidos, e que cuestións tales como as sondaxes sobre intención de voto dos cidadáns “en ningún caso deben levarse a cabo dende as administracións públicas, cuxa misión é salvagardar o interese público, protexéndoo de interferencias persoais, políticas e partidistas”. 

Saúdos.