concellos Denuncias

Os socialistas de Cartelle denuncian o “pasotismo” do PP para que a Torre de Sande pase a dominio público

O PSDEG-PSOE DE CARTELLE DENUNCIA QUE TRES MESES DESPOIS DE QUE O GOBERNO MUNICIPAL SE COMPROMETESE A RECUPERAR A TORRE DE SANDE “NADA SE SABE NIN HOUBO AVANCE NINGÚN”

Os socialistas critican o “abandono” e a “deixadez” do goberno municipal do Partido Popular e esíxelles que “se poñan a traballar dunha vez en beneficio dos veciños e veciñas de Cartelle”

O voceiro do PSdeG-PSOE no municipio, Jesús Pereira, critica que os populares “non movan un dedo nin fagan as xestións oportunas para recuperar unha das maiores xoias arquitectónicas do municipio”

Cartelle, 19 de maio de 2021. O PSdeG-PSOE de Cartelle denuncia que tres meses despois de acadar o apoio unánime da corporación municipal para que a Torre de Sande pasase a dominio público de xeito inmediato, non se realizaron as xestións pertinentes e non hai ningunha nova nin avance nos trámites que o concello tiña que realizar para que este Ben de Interese Turístico Nacional pasase a titularidade pública.

No pleno do pasado 19 de febreiro os socialistas defenderon unha moción na que apuntaban a que a Torre de Sande, unha das maiores xoias arquitectónicas do Concello de Cartelle, “se atopaba nun estado calamitoso e de total abandono, cunha estrutura chea de gretas que fan perigar a estabilidade”. Pois ben, tres meses despois a situación tal e como apuntan dende o Grupo Municipal Socialista “non variou nin un ápice e o perigo segue sendo o mesmo ou aínda maior”.

Para o voceiro do PSdeG-PSOE de Ourense en Cartelle, Jesús Pereira, esta situación “é unha mostra máis do abandono do PP ao noso municipio” e critica que os populares “non movan un dedo nin fagan as xestións oportunas para recuperar unhas das nosas maiores xoias patrimoniais”. O voceiro socialista tamén denuncia que o goberno municipal do Partido Popular “está sumido na deixadez” e que “a súa incapacidade na xestión municipal esta pagándoa a veciñanza de Cartelle”.

Os socialistas agardan que a pesar de que ata agora “nada se fixo” o goberno municipal comece dunha vez a recuperación da torre “nunhas condicións idóneas para que poida servir como referente turístico de Cartelle”. Apuntan dende o Grupo Municipal Socialista a que “canto antes se leve a cabo a recuperación, antes se beneficiará o municipio, posto que será unha fonte de ingresos importante pola chegada de turistas e a xeración de postos de traballo de forma directa e indirecta”.

Pereira volve a recalcar “a importancia dunha xestión pública, transparente e correcta da Torre de Sande, que permita recuperala en beneficio da veciñanza”. O voceiro socialista fai fincapé tamén “na necesidade de que o goberno municipal se poña a traballar xa pola veciñanza e deixe de darlle as costas en temas de vital importancia como son a Torre ou o plan de urbanismo que pretenden aprobar pola porta de atrás e que será gravemente prexudicial para os nosos veciños e as nosas veciñas”.