concellos INICIATIVAS

Os socialistas de Viana queren impulsar un estudo sobre a presenza de gas radón nas vivendas do municipio

O PSDEG-PSOE DE VIANA INSTA AO GOBERNO MUNICIPAL A QUE SE SOLICITE UN ESTUDO SOBRE A PRESENZA DE GAS RADÓN NAS VIVENDAS DO MUNICIPIO E ATALLAR DUNHA VEZ ESTE PROBLEMA

Os socialistas pídenlle ao Concello que se dirixa á Xunta e Deputación para solicitar información das achegas que poidan estar establecidas como axudas para este tipo de contratación

Dende o Grupo Municipal Socialista aproveitarán o pleno para preguntarlle o alcalde que novidades hai ao respecto da firma do convenio co Bispado de Astorga para a cesión dunha finca na que poder construír un centro de día polo que os vianeses agardan

Viana do Bolo, 26 de maio de 2021. O PSdeG-PSOE de Viana do Bolo vén de presentar unha moción na que insta ao goberno municipal a que se proceda a solicitar un estudo da detección da presenza de gas radón nas vivendas do municipio, pedindo a Deputación de Ourense que facilite unha lista dos concellos que xa o teñen feito, co fin de coñecer ás diferentes empresas que están especializadas nesta labor.

Os socialistas instan ao Concello a que se dirixa tanto a Xunta de Galicia como a Deputación de Ourense para solicitar información das achegas que poidan estar establecidas como axuda ou subvención para este tipo de contratacións. Tamén avogan porque unha vez feito o estudo se facilite o acceso da veciñanza aos resultados e recomendacións para “procurar a eliminación e limitar os efectos que o gas radón supón para a saúde das persoas”.

Dende o Grupo Municipal Socialista apuntan a que nos últimos tempos estanse a realizar numerosos estudos xeolóxicos sobre o terreo, co fin de detectar a presenza do gas e por freo a “este importante risco”. Tal e como afirman dende o PSdeG-PSOE de Viana do Bolo “detectouse que o noso concello atópase no grupo de poboacións cun nivel alto de exposición o gas radón, debido a morfoloxía do terreo onde se localizan as vivendas”. Subliñan tamén que “diferentes concellos da provincia xa artellaron iniciativas para minimizas os efectos derivados da presenza deste elemento que causa tanto dano, polo que consideramos que Viana non pode seguir de brazos cruzados”.

A comunidade científica resalta que existe unha total coincidencia sobre o grave problema que representa para a saúde das persoas a existencia deste gas na vivendas e numerosos estudos conflúen na influencia deste elemento no desenrolo do cancro, sendo o gas radón a segunda causa, tralo tabaquismo, nos procesos de cancro de pulmón. Por estes motivos, os socialistas consideran “urxente” que se dea solución a este problema no municipio.

Pregunta sobre o centro de día

Os socialistas aproveitarán o pleno deste venres para preguntarlle ao grupo de goberno municipal acerca das xestións que están levando a cabo en relación ao centro de día. Dende o Grupo Municipal Socialista xa tiveron coñecemento da disposición do Bispado de Astorga a ceder ao concello, de maneira gratuíta, unha parcela onde construír o devandito centro, e tamén remarcan que o Concello ten no seu poder o convenio para asinar esta cesión dende hai varias datas.

Por este motivo solicítanlle ao rexedor municipal que “dea conta da situación destas negociacións e que informe de cando estima que se poida proceder a sinatura do convenio de cesión, xa que é prioritario e urxente rematar coas xestións burocráticas e proceder a construción do centro de día”. Para os socialistas “as necesidades dos nosos maiores non poden agardar polos políticos”, motivo polo que lle solicitan ao goberno municipal “axilidade nesta cuestión e información transparente sobre a xestión”.