A DEPUTACIÓN DE OURENSE APOIA A CANDIDATURA DO POETA VALDEORRÉS, FLORENCIO DELGADO GURRIARÁN, PARA A CELEBRACIÓN DAS LETRAS GALEGAS DO 2022
Aurentino Alonso explicou que a iniciativa “xa está na RAG co apoio de tres membros da academia”, polo que “cumpriu todos os cauces formais para que, canto antes, se poida recoñecer a súa figura”
Ourense, 28 de maio de 2021. O pleno de maio da Deputación Provincial de Ourense acordou hoxe sumarse ao impulso da candidatura do poeta valdeorrés, Florencio Delgado Gurriarán, para a celebración das letras galegas do 2022 na súa honra, grazas a unha iniciativa do PSdeG-PSOE. O proxecto ‘As Letras de Florencio’ ten a súa orixe no ano 2016 e hai unhas semanas, un grupo de persoas e institucións, presentaron un dossier á Real Academia Galega (RAG) para apoiar a merecida candidatura.
O deputado socialista, Aurentino Alonso, explicou que “a petición non é unha novidade” porque “hai 20 anos que, a iniciativa do Instituto de Estudos Valdeorreses e da veciñanza de Vilamartín de Valdeorras, xa se solicitara a celebración”, pero daquela a proposta non prosperou. Alonso agradeceu a colaboración e o traballo minucioso dos responsables do proxecto ‘As Letras de Florencio’ e tamén o apoio de todos os grupos políticos da corporación. Igualmente matizou que esta iniciativa “xa está na RAG co apoio de tres membros da academia”, polo que “cumpriu todos os cauces formais para que, canto antes, se poida recoñecer a súa figura”.

Florencio Delgado foi un poeta, investigador e intelectual galego que participou activamente na vida cultural de Galicia e México. Foi exiliado a raíz da súa afiliación ao Partido Galeguista e da Guerra Civil, e alí axudou a fundar o Padroado da Cultura Galega ou a revista Vieiros. Así mesmo foi nomeado membro correspondente da Real Academia en México. Tamén traballou activamente polo impulso da cultura e da literatura na comarca ourensá de Valdeorras. Ao longo da súa vida publicou libros como “Bebedeira”, “Galicia Infinda”, “Cantarenas” e “O soño do guieiro”.