concellos Denuncias

As socialistas de Punxín denuncian que o desgoberno e o abandono son a tónica xeral do goberno nestes dous anos de mandato

O PSDEG-PSOE DE PUNXÍN DENUNCIA QUE NO ECUADOR DE MANDATO MUNICIPAL AUMENTOU O DESGOBERNO, O ABANDONO E NON HAI NINGÚN PROXECTO DE FUTURO PARA O MUNICIPIO

Para as concelleiras socialistas estes dous anos son a “viva imaxe dunha nova oportunidade perdida para Punxín” e critican que o goberno municipal “sexa incapaz de construír un proxecto de futuro”

A voceira socialista, Lorena Peleteiro, a situación é “moi grave” xa que tal e como destaca “sumamos un novo ano perdido para Punxín cun goberno incapaz de defender os intereses da nosa veciñanza”

Punxín, 9 de xuño de 2021. O PSdeG-PSOE de Punxín fai balance dos dous anos de goberno municipal do Partido Popular e o concelleiro non adscrito nos que denuncia que aumentou o desgoberno e o abandono e que non hai ningún proxecto de futuro para o municipio. Consideran que a “incapacidade” na xestión quedou de manifesto en dous anos nos que “non se moveu un so dedo por acadar investimentos, reforzar os servizos básicos e construír un proxecto de futuro para o municipio”.

As concelleiras socialistas sinalan que estes dous anos, cando nos achegamos o ecuador do mandato municipal, son a “viva imaxe dunha nova oportunidade perdida para Punxín”. Dende o PSdeG-PSOE subliñan tamén que Punxín “merece un goberno mellor, con un proxecto de futuro, con ilusión, con iniciativa, con capacidade de xestión e que sexa quen de dar resposta ás peticións da nosa veciñanza”.

Para a voceira socialista, Lorena Peleteiro, a situación é “moi grave” xa que tal e como destaca “sumamos un novo ano perdido para Punxín, no que o grupo de goberno municipal foi incapaz de defender os intereses do noso concello e da nosa veciñanza”. Peleteiro tamén pon o foco na “incapacidade do goberno municipal en construír un proxecto para crear un concello con futuro e oportunidades”.

A voceira socialista tamén indica que “non podemos obviar que nos atopamos nun concello que forma parte da área metropolitana da terceira cidade de Galicia, un concello estratexicamente situado, pero no que o grupo de goberno non só non é capaz de traballar para que Punxín avance, senón que nos atopamos nunha situación de abandono total”.

Para o Grupo Socialista trátase dun goberno que en dous anos amosou a súa incapacidade para xestionar, “tendo un concello no que está todo por facer, presentan unhas contas con un superávit de 96.000,00 €”.