O PSDEG-PSOE DE OURENSE REXEITA NO PLENO EXTRAORDINARIO O ORZAMENTO EN B DO ALCALDE: “É O MOMENTO DE QUE O PP DEMOSTRE SE LLE DÁ A SÚA CONFIANZA A JÁCOME OU Á CIDADE”
Lamentan a “falta de altura de miras” do PP, ao que acusan de pretender “darlle un cheque en branco ao alcalde”, despois de que os populares se abstivesen na votación da megamodificación de crédito
Rafa Villarino lamentou que “teremos unha cuestión de confianza sen unha moción de censura alternativa” pola posición de bloqueo do PP e asegura que os populares actúan en clave electoralista
Ourense, 9 de xuño de 2021. O PSdeG-PSOE de Ourense vén de rexeitar, no pleno extraordinario celebrado hoxe, o que cualifican de “orzamento en B” de Jácome, en relación á “macromodificación de crédito” presentada polo alcalde coa que pretendía mobilizar máis de 62 millóns de euros do remanente de tesouraría do Concello de Ourense para “un plan de obras encuberto que non ten en conta as necesidades sociais do Concello”, en palabras do voceiro socialista, Rafa Villarino.
Os socialistas abstivéronse na votación do expediente de modificación de crédito para dedicar a partida das festas tradicionais da cidade a un contrato de limpeza en centros escolares, actividades en Centros Cívicos e axudas en programas de emerxencia social, aprobada cos votos a favor de PP, DO e Cs; e votaron en contra no relativo á modificación orzamentaria “en lote” de 62.601.389,04 €, que foi rexeitada polo pleno grazas aos votos dos socialistas, do BNG e dos non adscritos, agás Laureano Bermejo.

Na súa intervención, Rafa Villarino defendeu a tramitación de emendas á modificación de crédito, e expresou a discrepancia do grupo cos informes emitidos polo Concello, que en opinión dos socialistas “vulneran a lei e prívannos do noso dereito a emendar as modificacións, algo impensable noutros Concellos”.
“Proba de confianza”
Deste xeito, despois de convocarse un pleno para o vindeiro luns no que o alcalde formulará a cuestión de confianza vencellada á aprobación da modificación orzamentaria –que previsiblemente volverá ser rexeitada–, o voceiro socialista fixo alusión á apertura do prazo dun mes para unha posible moción de censura, lamentando que “teremos unha cuestión de confianza sen unha moción de censura alternativa”, en relación á actitude de bloqueo do PP.
Así mesmo, o voceiro socialista asegurou que os populares actúan en clave electoralista: “O PP quixo manter a Deputación en 2019 e quere mantela agora, de cara ao 2023, uns comicios nos cales a chave son os resultados do Concello de Ourense”, abundou, ao tempo que lembrou os “tics antidemocráticos” dos populares cando Villarino renunciou a ser o candidato nunha potencial moción de censura para darlle a Ourense un goberno estable. “O único que fixo o PP nese momento foi pedirme que entregara a acta de concelleiro que supuña abandonar o mundo da política”, apostillou o socialista.
“É o momento, unha vez máis, de que o PP demostre se lle dá a súa confianza a Jácome ou á cidade. O alcalde sabía que hoxe non sairía adiante a súa modificación orzamentaria; queda un mes máis para pór novamente a proba ao PP”, sinalou Villarino. “Veremos se supera a proba de confianza”, rematou.