O PSDEG-PSOE DE CARTELLE DENUNCIA QUE O PP FAI CASO OMISO DAS QUEIXAS VECIÑAIS ANTE A DESTRUCIÓN DUNHA FONTE NA ARMADA E ESIXE “SOLUCIÓNS” ANTE ESTE ATENTADO PATRIMONIAL
Os socialistas afirman que o Concello conta nestes intres cun obradoiro municipal, pero denuncian que o rexedor o está empregando para traballos na asociación cabalista O Mundil, “namentres o patrimonio municipal se cae a trouzos”
O voceiro do PSdeG-PSOE no municipio, Jesús Pereira, esíxelle ao PP que “explique aos veciños e veciñas cales son as súas prioridades” e critica que “se actúe pola porta de atrás ante atentados patrimoniais”
Cartelle, 23 de xuño de 2021. O PSdeG-PSOE de Cartelle denuncia un novo episodio de desleixo e abandono por parte do goberno municipal do Partido Popular, que fai caso omiso as queixas da veciñanza e non busca solucións aos seus problemas cotiáns. Os socialistas explican que na aldea da Armada existían dúas fontes cos seus respectivos lavadoiros, “pero a día de hoxe non existe ningún dos dous e a veciñanza pregúntase que pasou con eles”. Unha das citadas fontes tamén desapareceu por completo, trala destrución da mesma, motivo polo que os socialistas lle piden ao concelleiro do PP que vive enfronte da mesma que “explique publicamente que aconteceu para que dita fonte fose destruída, nun claro atentado patrimonial”.
Para os socialistas de Cartelle este é un exemplo máis da “desidia” que existe no municipio e critican que ademais de facer caso omiso as queixas veciñais, non se opte pola recuperación da fonte da Armada destruída e dos lavadoiros que desapareceron. “Non pode ser que se destrúa unha fonte e que o grupo de goberno municipal mire para outro lado, xa que se está atentando contra o patrimonio e tamén contra a veciñanza destes núcleos de poboación”, apuntan dende o Grupo Municipal Socialista.
Para o voceiro do PSdeG-PSOE en Cartelle, Jesús Pereira, a solución “é doada”, xa que tal e como apunta o Concello conta neste momento cun obradoiro que segundo afirma “podería dedicarse a arranxar os problemas do municipio e dar deste xeito solucións á veciñanza”. Pereira denuncia que o alcalde “prefire destinar as persoas que forman parte deste obradoiro a traballos na asociación cabalista de O Mundil, que é privada, en lugar de apostar por reformar o público, que é de todos e todas os veciños e veciñas de Cartelle”.
Pereira esíxelle ao Partido Popular de Cartelle que “expliquen aos veciños e veciñas cales son as súas prioridades” e critica que “se actúe pola porta de atrás e se mire para outro lado, cando se producen actuacións que destrúen o patrimonio de Cartelle”. O voceiro socialista considera que “xa é hora de que o goberno municipal mire un pouco polos intereses do municipio e da veciñanza en lugar de pensar en intereses persoais e espurios que só buscan vender auga da traída, namentres se perden cada día centos de litros de augas públicas”.
Os socialistas tamén denuncian que noutra fonte situada no núcleo de poboación de Sanguñedo vívese unha situación “propia da idade media”, xa que segundo explican “a veciñanza ten que coller a auga cun cazo ante a falta de canalización”, motivo polo que lle esixen ao grupo municipal que tamén “actúe de forma inmediata nesta fonte para dotala dun servizo en favor da veciñanza e acorde aos tempos que corren”.