O PSDEG-PSOE DE OURENSE LEVARÁ UNHA MOCIÓN AO PLENO PARA SOLICITAR QUE O CONCELLO RECUPERE A TITULARIDADE DA RUELA QUE COMUNICA LAMAS CARVAJAL COA PRAZA DO BISPO CESÁREO
Os socialistas sinalan que o camiño pertence ao Bispado de Ourense e solicitan que o Concello leve a cabo as xestións oportunas para solicitar a súa cesión o antes posible
Destacan que a recuperación do camiño entre o Liceo e Santa Eufemia permitiría acadar un novo acceso ao casco histórico e significaría a adición dunha das vías máis estreitas de Ourense ao rueiro municipal
Ourense, 24 de xuño de 2021. PSdeG-PSOE de Ourense vén de anunciar que levará unha iniciativa ao vindeiro pleno municipal para pedir que o Concello solicite a titularidade do camiño que comunica a rúa Lamas Carvajal coa praza do Bispo Cesáreo co fin de acondicionalo e poñelo a disposición da veciñanza.
“A zona monumental Ourense é un tesouro histórico e arquitectónico, e o reclamo turístico máis sobresaínte desta cidade” asegurou o concelleiro Wilson Jones, ao tempo que salientou que esta ruela, que consta no catastro como titularidade do Bispado, “sería a terceira vía de comunicación entre a rúa Lamas Carvajal e a praza do Bispo Cesáreo”.
Ademais, Jones lembrou que, segundo os historiadores, a rúa Lamas Carvajal era coñecida no s. XV como a rúa Nova, o centro neurálxico da vida xudía na cidade e o lugar onde se localizaría a sinagoga auriense, polo que “cómpre pór en valor a historia deste lugar a través da recuperación e significación do urbanismo”, defendeu. Neste sentido, Jones reivindicou que “non podemos permitir que esta ruela, en pleno corazón do casco histórico, permaneza pechada cun cadeado polo desleixo e o abandono do goberno local”.
No texto da iniciativa, os socialistas sinalan que a recuperación deste emblemático camiño por parte do Concello permitiría a incorporación dunha das vías máis estreitas de Ourense ao rueiro municipal, ao tempo que serviría para eliminar un punto de feismo urbano e foco de vandalismo entre a Igrexa de Santa Eufemia e o Liceo Ourensán.
“Estamos falando unha oportunidade de pór en comunicación non só a cidadanía a través da apertura dunha nova vía senón tamén de conectarnos coa historia e recuperar a tradición xudía, tan esquecida nesta cidade”, manifestou o voceiro socialista, Rafa Villarino, quen reivindicou a necesidade de “facer os esforzos necesarios” para “rescatar este espazo do esquecemento”.