Denuncias Deputación de Ourense

PP e Montse Lama desprezan ao comercio local e vetan axudas para asociacións da provincia de Ourense

O PP E A TRÁNSFUGA, MONTSE LAMA, VOTAN EN CONTRA E DESPREZAN AXUDAR ÁS ASOCIACIÓNS DE COMERCIO LOCAL E CENTROS COMERCIAIS ABERTOS DA PROVINCIA DE OURENSE

Elvira Lama asegurou que a proposta do PSdeG-PSOE “pretende favorecer” ao comercio local “que está a atravesar un momento crítico en todo o país, pero especialmente nesta provincia» ante o comercio electrónico e a pandemia

“Cada semana pechan cinco comercios na provincia” dixo a vicevoceira socialista antes de sinalar que “esta iniciativa trata de dar osíxeno ao comercio local” e “un non a esta moción é condenalos a pasalas canutas”

Ourense, 25 de xuño de 2021. O PSdeG-PSOE de Ourense impulsou no pleno de xuño da Deputación Provincial, unha iniciativa para crear axudas estables para todas as asociacións de comercio local e centros comerciais abertos da provincia en réxime de concorrencia competitiva, co fin de acabar cos “repartos a dedo” de Manuel Baltar desde esta institución. A proposta foi rexeitada cos votos do PP e da deputada tránsfuga, Monte Lama.

A vicevoceira dos socialistas, Elvira Lama, asegurou durante a sesión que esta iniciativa “pretende favorecer” ao comercio local “que está a atravesar un momento crítico en todo o país, pero especialmente nesta provincia”. “Moitas destas asociacións xa presentaron iniciativas ante a Deputación de Ourense e só obtiveron a calada por resposta”, denunciou en referencia ao “nulo” papel do goberno de Baltar neste sentido.

Elvira Lama durante o pleno

“A moción é para axudar a todos aqueles que unen esforzos en defensa dos seus intereses”, matizou Lama quen recordou como ela mesma formou parte deste tipo de asociacións. “A situación non é nova porque a competencia co comercio electrónico é voraz desde hai anos, pero agora a situación foi agravada pola crise da Covid”, recordou antes de sinalar que os “comerciantes se senten desamparados” e que “cada semana pechan cinco comercios na provincia”. “Esta moción trata de dar osíxeno ao comercio local”, aseverou antes de concluír asegurando que “un non a esta moción é condenalos a pasalas canutas”.

A proposta do PSdeG demandaba unha liña de axudas de concorrencia competitiva con criterios obxectivos e igualitarios, a través dunha modificación de crédito de 500.000 euros neste 2021. Tamén pedía que estas axudas perduren en vindeiros exercicios. Igualmente reclamaba a creación do “Plan Estratéxico do Comercio de Ourense”, en colaboración coas asociacións e centros comerciais abertos, para “desenvolver accións colectivas de promoción comercial, que permitan mellorar a competitividade e impulsar a modernización do sector comercial e de establecementos de venda directa”.