concellos Denuncias

Os socialistas de Maceda denuncian a falta de seriedade coa cidadanía do bigoberno do PP e ESCO

O PSDEG-PSOE DE MACEDA DENUNCIA ANTE A CIDADANÍA A “FALTA TOTAL” DE SERIEDADE DO GOBERNO MUNICIPAL QUE TRAS MESES SEN CONVOCAR PLENOS, OPTA AGORA POR UN PLENO “ÁS PRESAS”

Os socialistas critican que o alcalde opte por convocar un pleno “sen marxe de manobra” e sabendo que varios concelleiros se atopan de viaxe e non poderán asistir o mesmo

Denuncian que o rexedor trata desta forma de escapar a “fiscalización, a preguntas incómodas e a render contas democráticas da súa pésima xestión ao fronte do Concello de Maceda”

Maceda, 30 de xuño de 2021. O PSdeG-PSOE de Maceda vén de denunciar publicamente ante a cidadanía unha situación que consideran unha “falta total de seriedade” por parte do goberno municipal conformado polo Partido Popular e Espazo Común. Os socialistas denuncian “graves erros” na organización do día a día do municipio, que segundo manifestan afectan tamén aos plenos ordinarios municipais, que levan sen celebrarse dende o pasado mes de marzo.

O Grupo Municipal Socialista critica que o bigoberno municipal “leve ausente” meses e meses e opte por convocar agora “a presa e correndo” un pleno extraordinario, “sen ningún tipo de previsión e sen avisar co tempo suficiente aos membros da oposición”. Unha situación que para os socialistas “ven motivada polo feito de que dous dos tres concelleiros do PSdeG-PSOE se atopan de viaxe, polo que lles será imposible acudir a dito pleno”.

Ante esta situación, os socialistas consideran que PP e Espazo Común pretenden aproveitar a ausencia dos edís do PSdeG para “non dar explicacións na xestión” e critican que se opte por este tipo de prácticas “caciquís” e que teñen por obxectivo “escapar da fiscalización, non aclarar dúbidas e evitar preguntas incómodas sobre como está a funcionar o municipio”.

Os socialistas resaltan que levan dende marzo agardando a celebración dun pleno xa que tal e como apuntan “temos moitas explicacións que pedirlle o goberno municipal sobre como se está a xestionar o noso concello”. Sinalan dende o grupo municipal que o “abandono xeral de núcleos de poboación e camiños, a falta de limpeza tamén na propia vila, o desleixo e a parálise son a tónica xeral do goberno de Maceda”.

Apuntan tamén dende o PSdeG-PSOE de Maceda a que “ao igual que o resto da cidadanía, temos dúbidas de quen goberna realmente este concello” e apuntan a que o rexedor do Partido Popular, Rubén Quintas, “gañou as pasadas eleccións, pero se atopa totalmente desaparecido na xestión e funcionamento da administración”. Un rexedor que cabe lembrar está contratado como coordinador do grupo provincial do Partido Popular na Deputación de Ourense.

Os socialistas tamén critican o “pésimo e calamitoso” funcionamento do goberno da man da concelleira de Espazo Común a que acusan de “deixadez e pasotismo” e afirman que “é un auténtico desastre para a veciñanza que unha concelleira que non tivo representación suficiente para gobernar nada, forme parte agora deste goberno que desleixa e falta aos respecto aos veciños e veciñas de Maceda”.