Denuncias Deputación de Ourense

A dobre vara do BNG: vota non a rebaixar o Avant a Ourense, pero antes pedía o mesmo para outros lugares de Galicia

O PSDEG-PSOE DENUNCIA A “DOBRE VARA DE MEDIR” DO BNG TRAS VOTAR EN CONTRA DE COFINANCIAR DESDE A XUNTA TRENS DE MEDIA DISTANCIA A OURENSE CANDO ANTERIORMENTE ESIXÍA O MESMO PARA O RESTO DE GALICIA

O exdeputado do BNG no Congreso, Francisco Jorquera, reprochaba á Xunta en 2010 recortar o convenio con Renfe ou a inoperancia do goberno galego no impulso dos trens MD

Os nacionalistas tamén afirmaban en 2006, literalmente, que “a Xunta debe esixir, co gallo da renovación do convenio, que se produzan melloras en frecuencias e calidade do servicio

Ourense, 02 de xullo de 2021. O BNG votou nos últimos días en contra de cosubvencionar desde Xunta e Goberno central, as tarifas dos trens de media distancia (MD) Avant entre Ourense e Santiago, nunha iniciativa impulsada polo PSdeG na Deputación Provincial. Sen embargo, ao longo dos últimos lustros, os nacionalistas si reclamaron e aplaudiron este mesmo proceder desde o goberno bipartito galego e desde outras institucións como as Cortes Xerais ou os concellos. Ante estes feitos, os socialistas denuncian a “dobre vara de medir” do BNG, que non quere aprobar agora para a Ourense o mesmo que si apoiou e esixiu anteriormente para outros lugares de Galicia. No ano 2007, co PSdeG-PSOE e BNG instalados en San Caetano, o goberno bipartito autorizou e asinou un convenio de cofinanciamento con Renfe, para mellorar parte dos servizos de media distancia nas catro provincias.

Aquel convenio permitiu duplicar o número de circulacións semanais MD por toda Galicia; crear novos servizos directos entre cidades ou reforzar os existentes. Pero iste non é o único exemplo no que se pode observar como os nacionalistas reclamaban para o resto de Galicia o que en 2021 negan para Ourense: o apoio económico do goberno galego para mellorar as tarifas ou as frecuencias do servizo de media distancia Avant.

Outros exemplos:

En 2010, o exdeputado do BNG no Congreso, Francisco Jorquera, reprochaba á Xunta recortar o convenio subscrito con Renfe ou a inoperancia do goberno galego no impulso dos trens MD. Literalmente aseguraba: “a actitude da Xunta non axuda en nada ao impulso e promoción do ferrocarril, en particular no que atinxe aos servizos de media distancia e á implantación futura de servizos de cercanías” porque “o recurte brutal que está a realizar o Goberno galego tambén afecta ao Convenio subscrito con Renfe”.

En 2007, o BNG tamén pedía que os convenios subscritos entre a Xunta e o Ministerio de Fomento que agora rexeita, “non marxinasen” a Monforte de Lemos. E, por iso instaba ao goberno galego a actuar para “ampliar” este instrumento a esta comarca do sur de Lugo.

Outro exemplo desta dobre vara de media sucedía en 2006, cando o BNG impulsou unha campaña en concellos de Ferrolterra, para “presionar” ao goberno da Xunta de Galicia co fin de que impulsase, mediante a renovación de convenios con Renfe, novos servizos ferroviarios nesta zona da Coruña. Os nacionalistas afirmaban literalmente que “a Xunta debe esixir, co gallo da renovación do convenio, que se produzan melloras en frecuencias e calidade do servicio”.

O non en vídeo 👇

Pleno da Deputación de Ourense de xuño de 2021