O PARTIDO POPULAR VOTA EN CONTRA DE ABARATAR OS BILLETES DOS TRENS AVANT ENTRE OURENSE E SANTIAGO DE COMPOSTELA PARA EQUIPARAR OS PREZOS COS DO EIXO ATLÁNTICO
Os socialistas aféanlle ao BNG a súa “dobre vara de medir” logo de que os nacionalistas non votaran a favor de baixar o prezo dos trens MD, cando “anteriormente esixían o mesmo para o resto de Galicia”
O grupo socialista logrou a aprobación de senllas mocións para rehabilitar espazos degradados a través da arte urbana e a favor de recuperar a rúa que comunica Lamas Carvajal e a praza Bispo Cesáreo
Ourense, 2 de xullo de 2021. O Partido Popular vén de votar en contra de que a Xunta e o Goberno central subvencionen o elevado prezo dos billetes dos trens Avant entre Ourense e Santiago de Compostela no pleno municipal celebrado este venres. Os populares negan así a necesidade de equiparar as tarifas coas dos trens de media distancia do Eixo Atlántico, que son un 70 % máis baratos, logo de que a exministra do PP, Ana Pastor, tomara a “decisión discrecional” de eximir o Eixo Atlántico da actualización de tarifas aplicables á alta velocidade, creando unha “discriminación” entre costa e interior de Galicia.
Así mesmo, os socialistas aféanlle ao BNG a súa “dobre vara de medir” logo de que os nacionalistas non votaran a favor da iniciativa de rebaixar o prezo dos trens de media distancia, cando “anteriormente esixían o mesmo para o resto de Galicia”.
Neste sentido, o voceiro municipal socialista, Rafa Villarino, lembrou que no ano 2006 o BNG impulsou unha campaña en concellos de Ferrolterra para presionar ao goberno da Xunta de Galicia co fin de que impulsase, mediante a renovación de convenios con Renfe, novos servizos ferroviarios na zona da Coruña. Por outra banda, Villarino sinalou que no 2007 o BNG tamén pedía que os convenios entre Xunta e Goberno central, que agora rexeita, “non marxinasen a Monforte de Lemos”, mentres que no 2010 o exdeputado nacionalista Francisco Jorquera reprochaba á Xunta que recortase o convenio subscrito con Renfe ou a inoperancia do PP galego no impulso dos trens MD.

“A liña Ourense-Santiago-A Coruña contou con case cincocentos mil viaxeiros no ano 2019” abundou Villarino sobre a terceira relación con máis viaxeiros punto a punto da comunidade autónoma, ao tempo que salientou que as tarifas estipuladas por Renfe-Operadora son as mesmas que aplican a todos os servizos Avant do territorio español –ao estaren establecidas normativamente en función do tipo de infraestrutura e material rodante empregados–.
Así as cousas, Villarino sinalou que a harmonización de prezos deste servizo é unha iniciativa “xusta e necesaria” que xa están a levar a cabo outros gobernos autonómicos, como é o caso da Junta de Castela e León, onde veñen de acordar a subvención de parte do custo das viaxes para as persoas que teñan a comunidade como residencia habitual e viaxen en Avant a Madrid.
Ourense, “cidade de cor”
Por outra banda, os socialistas lograron a aprobación dunha iniciativa a favor de recuperar espazos degradados da cidade a través da arte urbana e para a organización dun festival vencellado ao conxunto destas disciplinas artísticas, co obxectivo de promover o talento local e contribuír á “promoción turística” de Ourense.
A moción contou co apoio de todos os grupos, que coincidiron en destacar a idoneidade do proxecto, coa excepción do grupo de Democracia Ourensana, que se abstivo na votación.
A concelleira Natalia González defendeu a iniciativa como unha “ferramenta útil para eliminar o feísmo e recuperar espazos degradados, así como para relacionarnos coa xuventude e atraer o turismo a través de museos ao aire libre gratuítos e para todos os públicos”.
Neste sentido, González lamentou que “a respecto da arte urbana sempre houbo falta de apoio institucional” polo que instou ao goberno local a traballar de forma “integral”, cun proxecto “a longo prazo” para que a dez anos vista, Ourense sexa “unha cidade de cor”.
Ademais, o pleno municipal aprobou –coa abstención do grupo de goberno- unha moción para instar ao goberno local a recuperar o camiño que une a rúa Lamas Carbajal e a praza Bispo Cesáreo, co fin de acondicionalo e poñelo a disposición da veciñanza.
Wilson Jones lembrou que esta ruela, que consta no catastro como titularidade do Bispado, “significaría a adición dunha das vías máis estreitas de Ourense ao rueiro municipal” e permitiría pór en valor a historia do espazo como emblema do pasado xudeu da cidade.
Así mesmo, Jones instou ao Concello a realizar “unha xestión responsable”, que os socialistas entenden que pasaría por conseguir a “cesión gratuíta” do espazo polo valor que engadiría aos edificios lindeiros e á veciñanza.