concellos Denuncias Deputación de Ourense

Denunciamos a chapuza feita polo goberno de Baltar na OU-0307

O PSDEG-PSOE CRITICA A “CHAPUZA” LEVADA A CABO POLA DEPUTACIÓN DE OURENSE NA OU-0307 QUE PINTARON, PERO NA QUE A PERIGOSIDADE DAS CURVAS SEGUE SEN ARRANXARSE

Os socialistas contrastaron o “absoluto desleixo” a unha infraestrutura que supón un perigo para os seus usuarios e critican os “anuncios propagandísticos do PP que non son máis que fume”

Lembran que levan máis dun lustro pedindo a ampliación e corrección das curvas, así como o correcto asfaltado nos lugares no que se instalou sábrego, que “pon en perigo a mobilidade dos usuarios”

Ourense, 9 de xullo de 2021. O PSdeG-PSOE critican a “chapuza” levada a cabo pola Deputación de Ourense na estrada de titularidade provincial OU-0307, que une Leiro e Berán, logo de que o goberno de Manuel Baltar levase a cabo o pintado da mesma, pero sen corrixir as “graves” deficiencias que presenta a estrada con curvas sen asfaltar o que pon en perigo a seguridade e mobilidade dos vehículos que circulan a diario pola mencionada estrada.

A Agrupación Socialista de Leiro realizou un percorrido por esta infraestrutura onde contrastou novamente o “absoluto desleixo e o abandono reiterado” a mesma, tras observar que se procedeu o pintado, pero deixando novamente as obras “sen completar e nun perigoso estado”, tal e como se aprecia en curvas sen asfaltar. Os socialistas tamén critican a ausencia de quitamedos en Casanova, tal e como fora prometido polo goberno provincial e municipal do Partido Popular.

O vicevoceiro e deputado socialista, Nacho Gómez, critica que este é un exemplo máis do “desleixo” de Manuel Baltar e do vicepresidente dos asuntos da comarca do Ribeiro, César Fernández, cara a comarca e acúsao de realizar “constantes anuncios propagandísticos e visitas grandilocuentes do PP, tanto desde o Concello como desde a Deputación, sobre investimentos en Leiro e Berán, cando realmente nin se preocupan por ter en condición óptimas unha das súas principais estradas”.

Pola súa banda, o voceiro do PSdeG-PSOE en Leiro, Manuel Rodríguez, afirma que “estamos ante unha nova tropelía do Partido Popular e dun alcalde que en lugar de defender os intereses da veciñanza de Leiro, opta por pórse de perfil e agachar a cabeza ante as chapuzas dos seus socios na Deputación de Ourense”. Para o concelleiro socialista esta chapuza “amosa o pouco interese que ten o PP en solucionar os problemas da veciñanza de Leiro e Berán” e esíxelle tanto ao alcalde como ao ente provincial “solucións inmediatas ante a gravidade que supón o estado desta estrada”.

O PSdeG-PSOE recorda que hai case un lustro que se procedeu á ampliación e corrección dunhas curvas e á colocación de sábrego como firme. Dende aquelas necesarias actuacións, o citado tramo da OU-0307 segue sen ser asfaltado e presenta fochancas e grandes irregularidades nas súas beiras, o que supón un relevante risco para a circulación e para a integridade das persoas que transitan pola vía. En agosto de 2019, os socialistas volveron a esixirlle novamente ao goberno provincial que se procedese ao arranxo e dous anos despois chegou o pintado da estrada, pero non o arranxo das deficiencias nas curvas, o que segundo manifestan “segue a supoñer un grave perigo para os condutores que circulan por esta infraestrutura”.

“O goberno local debe preocuparse pola correcta conservación de todas as vías do seu territorio, incluso das que non son da súa titularidade e non o está a facer”, recordan os socialistas antes de sinalar que “nin a Deputación nin o Concello teñen a mínima intención de solucionar esta perigosa situación amosando, unha vez máis, o seu habitual e vergoñento desleixo cos servizos máis básicos e a súa predilección só pola propaganda”.

Gómez e Rodríguez denuncian a falta dun plan de estradas provincial “rigoroso e con dotación orzamentaria suficiente”, o que está a provocar unha política de investimentos e mantemento de estradas “pírrica, errante, perigosa e caciquil”. “Ano tras ano a Deputación de Ourense executa pequenas obras e chapuzas nas estradas da súa titularidade que, lonxe de solucionar os problemas ou de mellorar a seguridade e a confortabilidade, xeran novos problemas aínda maiores”, aseveran. E por iso anuncian que volverán solicitar explicacións ó goberno provincial e o alcalde (PP) desde municipio ourensán, co fin de que aclaren “por que non proceden ó remate da obra e á corrección das evidentes deficiencias dunha vez por todas”.