Denuncias POLÍTICA PROVINCIAL

Criticamos que a Xunta deixe sen ambulancia UVI á comarca de Valdeorras

O PSDEG-PSOE CRITICA QUE A XUNTA DEIXE AO HOSPITAL COMARCAL DE VALDEORRAS SEN SERVIZO DE AMBULANCIA UVI DURANTE 11 DÍAS DEBIDO AO DÉFICIT DE FACULTATIVOS

Os socialistas de Valdeorras denuncian que ante o déficit de persoal a solución do PP é “recortar servizos na comarca e enviar unha ambulancia UVI dende Ourense, o que duplica os tempos de atención”

A deputada ourensá no Parlamento de Galicia, Marina Ortega, sinala que este é “un exemplo da discriminación negativa da Xunta ao rural e a comarca de Valdeorras, unha das máis castigadas polo PP”

Valdeorras, 12 de xullo de 2021. O PSdeG-PSOE critica que o goberno galego do Partido Popular deixe ao hospital comarcal de Valdeorras sen o servizo de ambulancia UVI durante 11 días, debido ao déficit de facultativos por mor das vacacións e da falta de médicos no hospital. Os socialistas exíxenlle ao goberno de Feijóo, e concretamente a consellería de Sanidade, que “faga os deberes” e dea “solucións” a estes “graves” problemas de atención sanitaria e consideran que a solución non pode ser deixar a comarca de Valdeorras sen servizo de ambulancia UVI durante 11 días.

Dende o PSdeG-PSOE de Valdeorras expresan o seu profundo “malestar” cunha situación que consideran “puidera terse evitado con previsión e unha xestión eficiente”. Os socialistas valdeorreses denuncian que ante o déficit de persoal, a solución do PP é “recortar servicios na comarca en lugar de solucionar o problema da falta de médicos”. Critican tamén que durante estes 11 días de ausencia do servizo medicalizado de UVI en ambulancia a solución que da o Sergas é enviar unha ambulancia UVI dende Ourense, o que provoca que se “dupliquen os tempos de atención e traslado dos pacientes”, xa que cabe lembrar que o tempo real que se tarda dende o hospital comarcal de Valdeorras ao CHUO é de dúas horas.

Para os socialistas valdeorreses a solución para evitar este recorte temporal houbese sido “enviar a un médico ao hospital comarcal para deste xeito poder utilizar a ambulancia UVI”. Cabe sinalar que o funcionamento desta ambulancia depende da presencia dun médico no servizo que acompaña ao paciente en todo o momento no caso dun traslado.

A deputada do PSdeG-PSOE de Ourense no Parlamento de Galicia, Marina Ortega, afirma que esta situación “é un exemplo da discriminación negativa da Xunta ao rural e concretamente ao interior e a comarca de Valdeorras, unha das máis castigadas por estas políticas de recorte e abandono do PP”. A parlamentaria autonómica considera que este modo de actuar da Xunta “supón graves prexuízos para a veciñanza de Valdeorras, que ten que agardar a que unha ambulancia UVI chegue dende Ourense para atendelos en caso de accidente ou dalgún traslado”.

Ortega considera que “é primordial coñecer o territorio antes de tomar a decisión de suprimir a ambulancia UVI no hospital comarcal de Valdeorras”. Fai alusión ao traxecto e aos quilómetros que hai dende Ourense e considera que ao ter que mobilizar unha ambulancia dende a capital a Valdeorras “estase a por en perigo a xente”, motivo polo que considera que “non se pode prescindir deste servizo nin un só día”.

Os socialistas consideran que “é responsabilidade de quen está xestionando”, neste caso o PP, “conseguir os recursos e dar unha solución, non retirar o servizo momentaneamente e aumentar os tempos de reacción”. Tamén apuntan a que o mecanismo actual do Segas “non facilita que haxa persoal nos hospitais comarcais”, motivo polo que esixen “unha análise profunda da situación e que se cambien as condición de accesibilidade das diferentes especialidades, especialmente das que son útiles aos hospitais comarcais”.

Para o PSdeG-PSOE de Ourense e da comarca de Valdeorras “non serven de nada os anuncios grandilocuentes do PP na prensa dicindo que van a sacar 21 prazas en hospitais cun baremo favorable para futuros traslados de aqueles facultativos que escollan un hospital comarcal, cando estas prazas pertencen a especialidades coma oncoloxía radioterápica, maxilofacial ou cirurxía pediátrica que non son especialidades dos hospitais comarcais”.