Denuncias Deputación de Ourense

Baltar tenta tapar cunha «cortina de fume» o seu pacto letal con Jácome

O PSDEG-PSOE DE OURENSE ACUSA A BALTAR DE TAPAR CUNHA “CORTINA DE FUME” O DECLIVE DA PROVINCIA E O SEU PACTO CON DO AGORA QUE HAI INDICIOS CLAROS DE MALVERSACIÓN

Os socialistas consideran que políticos de “escaso fuste” coma Manuel Baltar son os que “minguan” aínda máis o peso da provincia e da cidade de Ourense e pídenlle que “deixe de aferrarse ao poder con unllas e dentes, en lugar de promover un cambio na cidade”

Os socialistas manifestan que a Baltar e a o PP “non lles importan, nin nunca lles importaron os autónomos e cos fondos de todos dedicáronse a repartir axudas, coma sempre, de forma clientelar”

Ourense, 15 de xullo de 2021. O PSdeG-PSOE de Ourense acusa ao presidente do Partido Popular de Ourense, José Manuel Baltar, de desviar a atención correndo unha “cortina de fume” sobre o pacto de goberno con DO no Concello de Ourense, unha vez que se coñeceu que hai indicios de malversación na xestión do seu socio Jácome. Os socialistas responden así a rolda de prensa do presidente na Deputación na que tratou de “desviar” a atención dunha evidencia como é que o PP “é cómplice” dunha persoa sobre a que cae a lousa de indicios de malversación.

Os socialistas consideran que políticos de “escaso fuste” coma Manuel Baltar son os que “minguan” aínda máis o peso da provincia e a cidade de Ourense. Acusan tamén ao líder dos populares ourensáns de “aferrarse ao poder con unllas e dentes, en lugar de promover e facilitar un cambio na cidade”.

Dende o PSdeG-PSOE de Ourense consideran que estas declaracións de Baltar chegan nun momento para a provincia de Ourense, na que segundo expoñen “nunca houbo unha situación tan decrépita e cunha provincia a punto de pechar”. Critican que ao fronte da Deputación de Ourense estea unha persoa “que só esta para vivir de isto e para dedicarse basicamente ao dolce far niente, tentando tapar os asuntos realmente importantes como é o declive imparable da provincia e da cidade”.

“Baltar é o único responsable de todo o que acontece na provincia e na cidade de Ourense e trata de tapar todo o que está ocorrendo con cortinas de fume que fan que a Deputación de Ourense sexa a máis irrelevante de toda Galicia e a máis perniciosa para a cidade de Ourense”, expresan dende o seno dos socialistas ourensáns.

O PSOE de Ourense considera que o “maior temor” que ten nestes momentos Manuel Baltar e a xunta de goberno que o amparou “é que teñan que devolver do seu peto” as axudas entregadas de xeito “irregular”. Os socialistas manifestan que a Baltar e a o PP “non lles importan, nin nunca lles importaron os autónomos e cos fondos de todos dedicáronse a repartir axudas, coma sempre, de forma clientelar”. Tamén apuntan a que se finalmente a xustiza ditamina as irregularidades “os únicos culpables serán Baltar e a súa xunta de goberno, nunca os autónomos”.

Dende o PSdeG-PSOE de Ourense manifestan novamente que as axudas entregadas por Manuel Baltar seguiron criterios “clientelares” e sinalan que hai probas “totais e absolutas de manipulación nas entregas”. Apuntan que isto queda acreditado nas redes sociais dos alcaldes do Partido Popular, anunciando axudas “fora” de prazo e na “máis absoluta ilegalidade”. Os socialistas tamén subliñan que “sempre estivemos a favor dos autónomos” como aconteceu no Concello de Ourense onde apoiaron as axudas “baixo un criterio xusto”.

Os socialistas finalizan afirmando que “non van permitir que se vulnere a legalidade, nin que nadie se aproveite desta crise para tentar quitarlle réditos políticos a algo que é de obrigado cumprimento como axudar aos emprendedores”. Tamén apuntan que “se velar pola legalidade é malo e Baltar é o bo, esta provincia está perdida”.