Concello de Ourense Denuncias Xunta

Acusamos a Feijóo e Vázquez de vir a Ourense a “colgarse medallas” namentres “hipotecan” a futura intermodal

O PSDEG-PSOE DE OURENSE CRITICA QUE FEIJÓO E ETHEL VÁZQUEZ VEÑAN A OURENSE A “COLGARSE A MEDALLA” E VISITAR O SEU “PENDELLO” DE TERMINAL DE AUTOBUSES QUE “HIPOTECA” A INTERMODAL

Os socialistas rexeitaron dende o primeiro minuto este proxecto “illado e inconexo” que converte o centro de saúde da Ponte nunha rotonda e que suporá graves problemas na calidade do aire

Acusan ao PP de tentar “tapar” a xestión do goberno de Pedro Sánchez e o seu compromiso con Ourense no ámbito ferroviario, coa chegada da Alta Velocidade a Ourense neste ano 2021 e o inicio da licitación “real e efectiva” da variante exterior

Ourense, 20 de xullo de 2021. O PSdeG-PSOE de Ourense critica que o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, e a conselleira de infraestruturas, Ethel Vázquez, veñan a Ourense a “colgarse a medalla” e visitar oficialmente o seu “pendello” de terminal de autobuses que hipoteca a futura estación intermodal de Ourense. Os socialistas rexeitaron dende o primeiro minuto este proxecto “illado e inconexo” que converte o centro de saúde da Ponte nunha rotonda, cun muro que o rodea e adornado finalmente cunha fonte que non se ve e uns letreiros que supoñen un malgasto engadido de 100.000 euros.

Para o PSdeG-PSOE de Ourense esta infraestrutura “agravará” os problemas de calidade de aire da zona, “afumando” a todo un barrio e consideran que a terminal non da resposta ás necesidades de fluxo de entrada e saída de autobuses e a súa mobilidade. Consideran tamén que xa está instalando o “caos” na reordenación de tráfico da rúa Eulogio Gómez Franqueira e nas zonas de arredor debido a “falta de criterio e previsión” tanto da Xunta de Galicia como do propio Concello de Ourense.

Os socialistas tamén aproveitan para lembrar que o propio alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, tralo acto de inauguración da terminal, cualificou a obra de “cutre e un exemplo máis do desleixo de Feijóo a Ourense”. Trala volta do PP ao goberno municipal, dende o PSOE ourensán manifestan que “supoñemos que terán o valor de defender esta nova infraestrutura, que é rexeitada por múltiples colectivos e unha ampla representación da sociedade ourensá, entre eles polo COAG de Ourense e a Plataforma Tren Digno”.

“O PP e Jácome seguen tomándolle o pelo aos ourensáns e ás ourensás ao facer o paripé en materia ferroviaria, co fin de tratar de vender fume esquecendo que os máximos culpables do cambiazo do anterior proxecto de estación intermodal para Ourense, tralo convenio asinado en 2016 polo entón alcalde Jesús Vázquez e a conselleira Ethel Vázquez”, critican dende o seo socialista.

Para os socialistas as declaración dos populares esixindo a humanización da praza da estación ao goberno do Estado e a reserva de prazas de aparcamento para a veciñanza no novo aparcadoiro soterrado “son unha burla”. Poñen tamén como exemplo as esixencias do PP coa execución da variante exterior, cando os populares “nunca apostaron por ela e nin sequera a puxeron sobre a mesa no 2016, momento no que hipotecaron á cidade co convenio do cambiazo”.

Estes movementos dos populares, son en palabras do PSdeG-PSOE de Ourense “un xeito de tentar tapar a xestión do goberno de Pedro Sánchez e o seu compromiso con Ourense no ámbito ferroviario, coa chegada da Alta Velocidade a Ourense neste ano 2021 e o inicio da licitación real e efectiva da variante exterior, que nos próximos anos e a través da súa inclusión nos fondos de recuperación europeos, se converterá na inversión máis importante da historia de Ourense, por un importe próximo aos 500 millóns de euros”.

Dende o PSdeG-PSOE de Ourense reiteran “unha vez máis” que queren unha intermodal “digna e de calidade” para Ourense e expresan o seu rexeitamento o “pendello” de terminal de autobuses de Feijóo e Vázquez. Tamén subliñan que “defenderemos ata o final a consecución do mellor proxecto posible de estación para a cidade, para que poida ser realmente a porta de entrada da alta velocidade a Galicia”. Un proxecto que cualifican como “o máis importante da historia de Ourense nos vindeiros 100 anos”.

Os socialistas solicítanlle tamén ao PP, tanto no Concello como na Xunta, que busque unha solución “urxente” para o desbloqueo urbanístico da parcela da antiga estación de autobuses, que dende a súa demolición “exprés”, fica “abandonada a súa sorte” e sen perspectivas “reais” para o futuro investimento na construción da nova residencia de maiores de Amancio Ortega, como así anunciaron a “bombo e platillo” en campaña electoral, pese ás advertencias do PSdeG-PSOE.