cultura GOBERNO ESTATAL

Poñemos en valor o traslado do cruceiro de Faílde á rúa Bailén por parte do Goberno central

O PSDEG-PSOE celebra a creación dun novo espazo con encanto no casco histórico tralo traslado do cruceiro de antón faílde á rúa bailén por parte do goberno central

Sinalan que o cambio de localización do cruceiro para dotalo de maior visibilidade forma parte das obras de rehabilitación do MUSARQ e amosa “o compromiso” do executivo de Sánchez con Ourense

Lembran que as obras do Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense –pechado dende o 2002 por decisión do PP–, están a ser executadas cun orzamento de 9,2 millóns de euros

Ourense, 27 de xullo de 2021. O PSdeG-PSOE de Ourense celebra a creación dun novo espazo con encanto no casco histórico da cidade tralo traslado do cruceiro de Antón Faílde á rúa Bailén, unha acción enmarcada dentro das obras de rehabilitación arquitectónica que o Goberno central está a levar a cabo no Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense (MUSARQ).

Os socialistas sinalan que o cambio de localización do monumento converte esta zona nun novo lugar de encontro “de gran valor e beleza arquitectónica”, ademais de realzar a maxestuosidade da obra de Faílde, que ata agora “pasaba desapercibida para a maior parte da cidadanía” nos xardíns do Bispo Carrascosa.

Antiga localización do cruceiro, con escasa visibilidade, nos xardíns do Bispo Carrascosa.

“Un lugar habitual de paso vén de transformarse nun recanto especial, en pleno corazón do noso casco histórico”, aseguran dende o grupo municipal socialista, ao tempo que destacan “o compromiso” do executivo de Sánchez con Ourense.

Nova localización do cruceiro, na rúa Bailén, creando un espazo arquitectónico de gran beleza e un lugar de encontro para a cidadanía.

Neste sentido, destacan “o avance imparable e definitivo” das obras de rehabilitación do MUSARQ –pechado dende o ano 2002 por decisión do Partido Popular–, que serán rematadas nos vindeiros meses, ao tempo que lembran a súa adxudicación definitiva en xuño de 2019 cun prazo de execución de dous anos e medios e un ambicioso orzamento de 9,2 millóns de euros.

“Estamos ante unha proba máis da aposta clara do Goberno do Estado pola cultura e as infraestruturas de Ourense, que cómpre sumar aos investimentos realizados nas obras do complexo cultural de San Francisco”.

De pazo a museo

O MUSARQ é “o museo máis importante da provincia de Ourense, e un dos máis senlleiros e relevantes de Galicia”, ao albergar unha escolma arqueolóxica de máis de 40,000 pezas dende o ano 1951 e tratarse dun antigo pazo episcopal, apuntan dende o grupo municipal socialista.

Neste sentido, salientan que o proxecto de rehabilitación do Ministerio de Cultura e Deporte pon en valor o edificio xa existente e aposta pola introdución da claridade na delimitación das catro áreas fundamentais do museo, sendo totalmente accesible dende as rúas Bispo Carrascosa e Bailén e incorporando un novo patio e novas salas de exposición.

“En xeral, poténcianse os valores arquitectónicos e arqueolóxicos do edificio existente a través da recuperación de espazos orixinais que se perderon ao longo da historia, de tal forma que sexa posible contemplar a xénese da edificación ao deixar visibles muros, ocos e portas que constituían o Pazo orixinalmente”, conclúen.

Saúdos.