Denuncias Deputación de Ourense

Baltar coloca a dedo na Deputación de Ourense a un candidato de Ciudadanos

O PSDEG-PSOE DENUNCIA QUE BALTAR COLOCOU A DEDO NA DEPUTACIÓN DE OURENSE AO CANDIDATO DE CIUDADANOS EN MACEDA QUE MARCHOU DO PARTIDO DA MAN DE MONTSE LAMA

“Estamos ante unha palmaria evidencia de como Baltar está a pagar aos poucos, favores que lle permiten manter a Deputación, grazas ao voto dunha deputada provincial tránsfuga”, advirten os socialistas

“Manuel Baltar copia o caciquismo masivo de José Luis Baltar, coa diferenza de que, incluso así, o fillo perdeu a maioría electoral e control orgánico que si acadaba o seu pai”, salientan

Ourense, 10 de agosto de 2021. O PSdeG-PSOE denuncia que Manuel Baltar vén de colocar a dedo na Deputación de Ourense, ao candidato de Ciudadanos (Cs) en Maceda, Emiliano Rodríguez González, que marchou do partido ao mesmo tempo que a exdeputada de Cs, Montse Lama. “Estamos ante unha nova e palmaria evidencia de como Baltar está a pagar aos poucos, os favores que lle permiten manter pola mínima a Deputación, grazas ao voto dunha deputada provincial tránsfuga”, advirten os socialistas.

Desde o grupo do PSOE consideran que o actual presidente “copia os métodos máis cutres do seu pai”, repartindo “postos a dedo a cambio de favores orgánicos e electorais”, tal e como sucede desde o pasado día 1 de agosto, cando nomeou asesor por decreto a este candidato de Ciudadanos. “Manuel Baltar copia o caciquismo masivo de José Luis Baltar, coa diferenza de que, incluso así, o fillo perdeu a maioría electoral e control orgánico que si acadaba o seu pai”, salientan os socialistas antes de destacar que “nos últimos meses está especialmente nervioso porque lle baila a poltrona”.

“Desde que Manuel Baltar é presidente, o PP de Ourense perde 17 votos cada día”, destacan no PSdeG-PSOE, polo que “se o desastre continúa a este ritmo, neste mandato él mesmo será o enterrador do baltarismo”. “A situación do PP ourensán é tan crítica que xa non lles chegan os enchufes masivos entre os afiliados e afiliadas do partido”, práctica que condenou a xustiza, polo que “agora tamén teñen que ir pescar favores a outras formacións”, insisten.

“A única forma de parar este despropósito é botando ao PP da Deputación”, resaltan os socialistas, antes de concluír anunciando que tamén están a indagar cales “son ou serán” as supostas contraprestacións á tránsfuga, Montse Lama, tras abandonar Ciudadanos para ser o “débil fío que mantén a Baltar na institución e ao caciquismo aniquilando a provincia de Ourense”.