o psdeg-psoe SOLICITA QUE O concello CONSTITÚA UN GRUPO DE TRABALLO para activar de inmediato un “gran PROXECTO DE ARTE URBANA que tranforme ourense en cidade de cor”
Instan ao Concello a facer pública unha relación de lugares dispoñibles para a súa intervención a través da arte urbana e solicitan que os vindeiros orzamentos inclúan unha partida para este proxecto
Demandarán información urxente a Jácome sobre o estado das súas xestións en canto á liberación do muro do río Miño que o rexedor se comprometeu a converter nun novo espazo de arte urbana
Ourense, 29 de agosto de 2021. O PSdeG-PSOE no Concello de Ourense vén de solicitar a constitución urxente por parte do goberno local dun grupo de traballo para activar “de inmediato” un “gran proxecto global de arte urbana que transforme Ourense nunha cidade de cor e permita recuperar espazos degradados e eliminar o feísmo urbano”.
A proposta prodúcese ante a “completa ausencia de iniciativa por parte do bigoberno” trala aprobación dunha moción socialista no pleno municipal de xullo na que se instaba ao executivo municipal a pór en marcha un proxecto “de gran calado” que apostase polo talento e a creatividade local para embelecer a cidade das Burgas.
Dende o grupo socialista defenden que o equipo de traballo para a posta en marcha definitiva desta iniciativa “debería contar, como mínimo, coa implicación do alcalde, dos concelleiros e concelleiras de Xuventude, Urbanismo, Deportes e Medio Ambiente, dos representantes dos distintos grupos políticos que integran a corporación, dos técnicos municipais e dunha representación dos artistas urbanos e grafiteiros da cidade” ao tempo que solicitan que comece a funcionar xa neste mes de setembro.

“Antes do peche deste exercicio 2021, deberiamos ter sobre a mesa un inventario de lugares dispoñibles para a súa intervención e a canle de comunicación oficial para a presentación de proxectos dos artistas urbanos de Ourense, así como o orzamento co que o goberno de PP e DO se compromete a levar adiante esta importante iniciativa”, solicitan os socialistas, que xa cursaron esta petición a través da xunta de área correspondente e tamén por medio do rexistro electrónico do Concello.
Ademais, demandan “un plan ambicioso a longo prazo, no horizonte 2022-2027” para o que reclaman que “exista un compromiso orzamentario capaz de pór Ourense no mapa, convertendo a cidade nas Burgas nun reclamo turístico e emblema da arte urbana pola magnífica calidade dos seus artistas locais”.
Grafiti a carón do río Miño
Finalmente, o grupo socialista pon de manifesto que demandará información urxente a Jácome sobre o estado das súas xestións en canto á liberación do muro do río Miño, situado na contorna da praia da Antena, que o rexedor se comprometeu a converter nun novo espazo de arte urbana.
“Nós xa avanzamos o noso apoio a esta iniciativa posto que consideramos que podería ser punta de lanza para a revolución da arte urbana en Ourense coa creación dun museo gratuíto ao aire libre no paseo fluvial máis longo de Europa”, lembran dende o PSdeG-PSOE ourensán.