Concello de Ourense Denuncias

Declinamos asistir a unha reunión a soas con Jácome e emprazamos ao PP a posicionarse ante un novo esperpento

O psdeg-psoe de ourense rexeita asistir a unha reunión “a soas” con jácome para tratar asuntos de gran relevancia “que deben ser analizados no ámbito da xunta de voceiros”

Nunha carta enviada ao rexedor, condenan os “impresentables comentarios, mofas e insultos” do alcalde nas redes sociais, “burlándose da veciñanza ou desprazando os traballadores públicos”

Villarino interpela ao PP, solicitándolle que se posicione e diga “se está de acordo nestas reunións do alcalde con independencia deles nun grupo de goberno que parece que está perpetuamente en guerra

Ourense, 1 de setembro de 2021. O PSdeG-PSOE vén de presentar un escrito no que declina o convite do alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, a asistir a unha reunión “a soas” para tratar asuntos de gran relevancia para a cidade como son a “macromodificación” de crédito de 62 millóns de euros ou un paquete de subvencións supramunicipais e nominativas, e condena os “impresentables comentarios, mofas e insultos” vertidos por Jácome nas súas redes sociais, “burlándose da veciñanza ou desprazando os traballadores e traballadoras públicos”.

“Somos un partido demócrata que cremos que estes asuntos hai que tratalos no ámbito da xunta de voceiros, e que non quere arranxar as cousas pola porta de atrás” subliñou esta mañá ante a casa consistorial Rafa Villarino, voceiro municipal do grupo socialista, quen manifestou ademais que “sería unha falta de respecto pola nosa parte manter unha reunión cunha persoa que non respecta a cidadanía e fai uso da súa figura de alcalde para responder de xeito totalmente impropio a quen o interpela”.

Na misiva enviada a Jácome, os socialistas destacan que “os representantes públicos debémonos aos veciños e veciñas de Ourense, que deben ser tratados con respecto, dignidade e educación” polo que non consideran admisible que “o máximo representante público da terceira cidade de Galicia proceda deste xeito, en ningún caso e baixo ningunha escusa” e emprazan ao rexedor a mudar a súa actitude e “convocar, o máis axiña posible, unha reunión da xunta de voceiros”.

U-lo Partido Popular?

Por outra banda, Villarino aproveitou a súa comparecencia ante os medios para interpelar aos socios de goberno de Pérez Jácome, o Partido Popular, a quen se dirixiu para solicitarlle que se posicionen e digan se están de acordo nestas reunións do alcalde con independencia deles, “nun grupo de goberno que parece que está perpetuamente en guerra”. “Dende logo nós non compartimos este xeito de actuar e cremos que o PP ten que dicir ata cando van seguir permitindo este esperpento”, manifestou Villarino.