O PSDEG-PSOE DE VIANA DO BOLO DENUNCIA QUE A VECIÑANZA ESTIVO TRES DÍAS SEN INTERNET E RECLÁMALLE AO CONCELLO QUE TOME MEDIDAS PARA ESIXIRLLE A TELEFÓNICA SOLUCIÓNS
Os socialistas esíxenlle ao goberno municipal que “se poña a carón da veciñanza” e lle reclame a compañía a devolución no recibo dos días no que o servizo non estivo operativo
Critican que este tipo de incidencias “se veñen repetindo dende a instalación da fibra óptica”, motivo polo que esixen solucións para que non volva a acontecer nun futuro
Viana do Bolo, 9 de setembro de 2021. O PSdeG-PSOE de Viana do Bolo vén de denunciar que a veciñanza estivo 3 días sen acceso a Internet no municipio e bisbarra, motivo polo que lle reclama ao grupo de goberno municipal que tome as medidas pertinentes para esixirlle a Telefónica que poña solucións a este tipo de incidencias. Os socialistas esíxenlle ao Concello que se poña a carón da veciñanza e lle reclame a compañía a devolución no recibo dos días no que o servizo non estivo operativo.
Dende o Grupo Municipal Socialista critican que estas incidencias “se veñen repetindo dende a instalación da fibra óptica” e afirman que ante as numerosas chamadas da veciñanza a compañía a única resposta que recibiron por parte da mesma foi que “temos unha avaria e estamos traballando en arranxala”. Os socialistas subliñan tamén que esta incidencia “nada ten que ver cos lumes acaecidos na Ribeira Sacra, xa que municipios máis próximos coma O Barco, A Rúa ou A Veiga non tiveron ningunha incidencia”.
Para o PSdeG-PSOE de Viana, o Concello, “coma institución que debe velar polos intereses da súa veciñanza, debe tomar cartar no asunto e presentar unha reclamación oficial ante a compañía, esixindo o restablecemento inmediato do servizo en caso de novas caídas, así como a devolución do cobro no recibo dos días nos que este estivo interrompido”.
Tras tres días sen conexión a Internet, o servizo foi restablecido na tarde de onte, pero para a Agrupación Socialista de Viana do Bolo, o Concello “debe pór a disposición da veciñanza unha folla de reclamacións que os veciños e as veciñas poidan asinar e onde se solicite a reparación dos danos e quebrantos económicos ocasionados pola caída do servizo, e ter desta forma garantida unha maior eficacia nesta reclamación”.
Os socialistas consideran que “en pleno século XXI, co teletraballo en pleno auxe é imprescindible contar cuns servizos dignos e que non fallen cada dous por tres, xa que en moitos casos isto supón un impedimento para moitos veciños que necesitan traballar dende os seus domicilios e negocios e que ante a caída do servizo, resúltalles imposible”.