O PSDEG-PSOE DE PUNXÍN INSTA AO GOBERNO MUNICIPAL A ABANDONAR A “INACCIÓN” E CUMPRIR COS ACORDOS PLENARIOS PARA REMATAR COA DISCRIMINACIÓN QUE VIVE A VECIÑANZA
As socialistas destacan que 17 mocións das 27 presentadas polo seu grupo municipal foron aprobadas en pleno, pero a maioría delas seguen sen executarse causando unha “grave situación de desleixo”
Lorena Peleteiro subliña que a situación “é preocupante”, xa que “nun momento no que o rural está en auxe, os servizos en Punxín non avanzan, privando a nosa veciñanza dunha gran oportunidade”
Punxín, 20 de setembro de 2021. O PSdeG-PSOE de Punxín vén de presentar unha moción na que insta ao goberno municipal ao cumprimento dos acordos plenarios acadados e a creación dunha comisión permanente para o seguimento e control das mocións aprobadas. As socialistas denuncian que no que vai de mandato presentaron 27 mocións das que 17 foron aprobadas por maioría ou unanimidade, pero a día de hoxe a maioría delas seguen sen executarse.
Dende o Grupo Municipal Socialista destacan o traballo “construtivo” levado a cabo polas socialistas dende o 15 de xuño de 2019, cando se constituíu a actual corporación municipal. A pesar deste traballo en positivo, dende o PSdeG-PSOE de Punxín critican a actitude do goberno, xa que segundo manifestan “non moveron un só dedo por levar a práctica os acordos plenarios, polo que temos serias dúbidas de que estes acordos se vaian a levar adiante, a pesar da súa importancia para a vida cotiá da veciñanza”.
As socialistas subliñan que mocións como a mellora da cobertura móbil e de internet, a reforma do centro de saúde, a mellora da rede de abastecemento para rematar coas fugas existentes ou a creación dunha páxina web “seguen agardando nun caixón ante a inacción do goberno municipal conformado polo Partido Popular e un concelleiro non adscrito”. Por este motivo ínstanos a traballar para executar os acordos, xa que tal e como relatan “non basta con votar a favor, hai que traballar para garantir que o 100 % da poboación de Punxín dispoña do servizo de cobertura móbil e de internet de alta velocidade ou dun centro de saúde acorde as súas demandas”.
Para a voceira do PSdeG-PSOE en Punxín, Lorena Peleteiro, a xestión do grupo de goberno municipal “deixa moito que desexar”, motivo polo que lle esixen que “abandonen a inacción e a deixadez e se poñan a traballar dunha vez por todas polos veciños e veciñas de Punxín”. Tal e como relata a concelleira socialista “levamos meses esixindo que se cumpra co acordado no pleno, pero o alcalde e o seu grupo seguen desleixando a veciñanza de Punxín, que non conta cuns servizos dignos para atender as súas demandas”.
As socialistas xa denunciaron a comezos de ano os incumprimentos de dúas mocións que consideran “indispensables” como son a mellora da cobertura móbil e de Internet en Punxín ou a reforma do centro de saúde. Para Peleteiro a situación “é preocupante”, xa que segundo relata “nun momento no que o rural está en auxe, os servizos en Punxín non avanzan, privando a nosa veciñanza dunha gran oportunidade”. Para a concelleira socialista “é preciso atallar sen máis demora a discriminación que vive o noso municipio e traballar por un Punxín do que os veciños e as veciñas se sintan orgullosos”.