Xosé Rúas pediu o apoio do plenario para instar á Xunta de Galicia a reclamarlle á universidade privada de ABanca que retire do seu catálogo aquelas titulacións xa existentes no Campus de Ourense
“A que obedece a lasitude no criterio de Feijoo cando se trata de darlle para adiante a unha seudouniversidade privada dependente dunha entidade bancaria? A min a única palabra que se me ocorre é favoritismo”
Ourense, 7 de outubro de 2021. Na sesión plenaria municipal deste venres, o Partido Popular e Democracia Ourensana tentaron bloquear unha iniciativa para protexer e defender o Campus de Ourense, que saíu adiante grazas aos votos favorables do resto da corporación.

O edil Xosé Rúas, propoñente da iniciativa, pediu o apoio do plenario para instar á Xunta de Galicia a reclamarlle á universidade privada de ABanca que retire do seu catálogo aquelas titulacións xa existentes no Campus de Ourense, ao considerar que se está a vulnerar a Lei do Sistema Universitario de Galicia, que establece que a oferta académica das novas universidades debe ser “complementaria e non reiterativa”.

“Nós entendemos que estas titulacións afectan de xeito moi lesivo e descarado ao ofreceren títulos mesmo idénticos aos do campus ourensán, como é o caso de ADE, que se imparte na facultade de Ciencias Empresariais”.
“A que obedece esta lasitude no criterio do goberno de Núñez Feijoo cando se trata de darlle para adiante a unha seudouniversidade privada dependente dunha entidade bancaria mentres mantén un celo e pulcritude extremos cando un campus presenta a verificación das súas memorias para acadar títulos?” inquiriu Rúas. “A min a única palabra que se me ocorre é favoritismo”, concluíu.