concellos Denuncias

Baltar presume de provincia termal por Europa, pero a realidade é a do abandono e o peche como acontece na vila termal de Lobios

O PSDEG DE LOBIOS DENUNCIA O ESTANCAMENTO “ABSOLUTO” DO MUNICIPIO ANTE O PECHE DO BALNEARIO ATA 2022, NAMENTRES BALTAR ANDA “PRESUMINDO” POR EUROPA DE PROVINCIA TERMAL

Os socialistas pregúntanse se “esta é a forma que ten o Partido Popular de promover o desenvolvemento en Lobios para acadar un eficaz aproveitamento dos recursos naturais e termais da zona”

Acusan a Manuel Baltar e a alcaldesa, Carmen Yáñez, de “destruír a vida no rural e o futuro económico de Lobios e as súas xentes co peche do principal recurso turístico e termal do municipio”

Lobios, 22 de outubro de 2021. O PSdeG-PSOE de Lobios denuncia que o balneario de Río Caldo pechou as súas portas o pasado martes e ata 2022 “sen previo aviso” e coa única información dun cartel pendurado na porta de acceso. Os socialistas acusan ao Partido Popular de levar a un dos municipios con maior potencial económico da Baixa Limia ao “estancamento absoluto” e sinalan que namentres que o presidente da Deputación de Ourense e presidente do PP provincial, Manuel Baltar, anda “presumindo” por Europa de provincia termal, a situación nun dos puntos termais máis importantes da provincia “é de total abandono”.

Dende o Grupo Municipal Socialista acusan ao goberno municipal do PP de “render pleitesía” ao presidente da Deputación, “no canto de reclamar que se potencien os recursos termais de Lobios, abandonados por completo como pode comprobar calquera veciño ou turista que se achegue pola zona do balneario”. Os socialistas lembran que xa denunciaron a situación na que se atopaba a terma pública de río Caldo “pechada dende fai máis dun ano, chea de lixo e sen un mantemento óptimo para dar unha boa imaxe a veciños, turistas e visitantes”.

Os socialistas acusan ao goberno municipal e a Fundación San Rosendo de “incumprir” o contrato asinado para a cesión de augas e a construción da vila balneario. “No convenio recóllese que o obxectivo deste proxecto é contribuír o despegue económico de Lobios en beneficio da veciñanza, mediante a creación de postos de traballo e o impulso dunha zona atractiva que achegue o turismo ao noso Concello”, explica o concelleiro socialista, David Fernández, que sen embargo afirma que “co balneario pechado está claro que nin hai traballo para a veciñanza de Lobios, nin se atraen turistas, xa que o principal recurso turístico do noso municipio non se atopa a súa disposición”.

Para o concelleiro socialista esta última “cacicada” supón un “golpe mortal” ao turismo en Lobios e pregúntase se “esta é a forma que ten o PP de promover o desenvolvemento en Lobios para acadar un eficaz aproveitamento dos recursos naturais e termais da zona”. Fernández fai fincapé en que con este peche o “presente e futuro turístico do noso municipio é inexistente” e acusa a Baltar e a alcaldesa, Carmen Yáñez de “destruír a vida no rural e o futuro económico de Lobios e as súas xentes a base de desleixo e abandono”.

O PSdeG-PSOE de Lobios xa denunciou en setembro os incumprimentos “constantes” e “flagrantes” do convenio de cesión do balneario de Río Caldo no que se recollía que a fundación se comprometía a crear entre 60 e 80 postos de traballo, preferiblemente para habitantes do concello, asemade de postos máis especializados que en caso de non optar veciños ou veciñas do municipio, se traería a xente de fóra. Os socialistas criticaron entón, que non só non se cumpría esta condición, senón que os traballadores e as traballadoras eran empregados en outros balnearios do propio grupo por toda a provincia, provocando un “grave trastorno” par aqueles que teñen os seus domicilios en Lobios e deben desprazarse a outros balnearios.

Os socialistas tamén lamentan que con este peche non só se priva de futuro ao turismo, senón que tamén se “prexudica gravemente” a bares, restaurantes, hostais, hoteis e negocios do concello e de toda a comarca da Baixa Limia. “Hai que pensar que con este abandono, non só se prexudica a Lobios, senón a toda unha comarca con gran potencial e que se ve privada dun desenvolvemento económico acorde aos tempos de recuperación trala pandemia”.