concellos INICIATIVAS

Reclamamos a creación dunha aula CeMIT en Pereiro de Aguiar

O PSDEG-PSOE DE PEREIRO RECLAMA A CREACIÓN DUNHA AULA CEMIT NO CONCELLO: “A COVID CORROBOROU A IMPORTANCIA DA FORMACIÓN EN NOVAS TECNOLOXÍAS POR PARTE DA CIDADANÍA”

Os socialistas levarán unha moción ao pleno municipal deste venres na que solicitarán que o goberno municipal asine un convenio de colaboración coa Xunta de Galicia para a creación desta dotación

Jorge Gutiérrez asegura que o municipio ten un censo á alza e unha poboación “moi diversa”, polo que cómpre ter “espazos nos que dar resposta ás necesidades dixitais dos diferentes colectivos”

Pereiro de Aguiar, 27 de outubro de 2021. O PSdeG-PSOE de Pereiro de Aguiar levará unha moción ao pleno municipal deste venres para reclamar a creación dunha aula CeMIT no concello, co fin de dotar a veciñanza dun espazo público de alfabetización dixital que permita potenciar as súas competencias no ámbito das novas tecnoloxías.

“A Covid corroborou e puxo de relevo a importancia da formación en novas tecnoloxías por parte da cidadanía, ao convertérense en ferramentas indispensables para relacionarse coas distintas administracións, realizar xestións bancarias e pagos nos comercios, manter o contacto social con amigos e familiares ou desempeñar as nosas facetas profesionais e educativas a través do teletraballo ou a ensinanza online”, remarcou o voceiro do grupo socialista no Concello, Jorge Gutiérrez.

Interior dunha aula CeMIT. Imaxe extraída da páxina de facebook da Amtega.

Neste sentido, Gutiérrez destacou que “a transformación dixital é unha realidade e unha oportunidade, polo que fan falta formación e novos recursos para a difusión e potenciación dos coñecementos tecnolóxicos entre os veciños e veciñas, así como entre as empresas, nunha era na que a fenda e desigualdade dixital son uns dos maiores retos aos que se enfrontan os entes públicos locais”. Así as cousas, o socialista urxe ao executivo municipal a “apoiar, xunto co resto de partidos, esta necesaria iniciativa”.

“O noso municipio está experimentando un aumento continuado do censo e conta cunha poboación con características moi diversas, dende maiores con escasos coñecementos dixitais ata mozos e mozas altamente cualificados, polo que cómpre ter novos espazos nos que promover a inclusión e a igualdade dixital, e dar resposta ás múltiples necesidades dos diferentes colectivos, especialmente os máis vulnerables”, destacan dende o grupo socialista.

Lembran que a rede CeMIT está formada por un conxunto de centros equipados coa última tecnoloxía para a modernización, formación, e inclusión tecnolóxica da Xunta de Galicia, que contan con profesorado especialista na materia.

Ademais, os socialistas destacan que existen un total de 98 aulas distribuídas en 92 concellos galegos –como son os municipios ourensáns de Castro Caldelas, Ribadavia, Allariz ou Celanova, entre outros–, que ofrecen entre seus servizos cursos gratuítos presenciais e online, charlas e seminarios de novas tecnoloxías, ou certificados de competencias dixitais en ofimática, previa proba de avaliación.