concellos Denuncias

Os socialistas de Castrelo de Miño denuncian a grave neglixencia do alcalde ao non informar á veciñanza sobre problemas co arsénico

O PSDEG-PSOE DE CASTRELO DE MIÑO DENUNCIA ANTE A CONSELLERÍA DE SANIDADE A “GRAVE NEGLIXENCIA” DO ALCALDE, QUE NON INFORMOU DEBIDAMENTE Á VECIÑANZA DO AUMENTO DOS NIVEIS DE ARSÉNICO NA AUGA NA PARROQUIA DE MACENDO

Os socialistas explican que os protocolos de Sanidade esixen que se publiquen bandos informativos cando hai problemas para o consumo da auga, cousa que o goberno municipal do Partido Popular “non fixo”

A voceira do PSdeG, Catalina González, considera que a poboación “ten que estar sempre informada do que acontece no municipio, e de xeito especial, cando se trata de temas que afectan a saúde pública”

Castrelo de Miño, 3 de novembro de 2021. O PSdeG-PSOE de Castrelo de Miño vén de remitir un escrito por rexistro destinado a Consellería de Sanidade no que solicitan que se actúe en consecuencia e se tomen as medidas pertinentes ante o que consideran unha “grave” neglixencia do alcalde do Partido Popular, Avelino Pazos, e do seu grupo de goberno. Os socialistas explican que fai uns días o rexedor facía públicas na prensa unhas declaracións nas que afirmaba que na parroquia de Macendo, que engloba a 15 núcleos de poboación, houbo problemas de aumento dos niveis de arsénico na auga, sen embargo, o rexedor “non informou a veciñanza de dita problemática, nin a través de bandos, nin das redes sociais do Concello”, tal e como indican os protocolos de Sanidade.

Dende o Grupo Municipal Socialista consideran que esta forma de actuar do máximo representante político do municipio, “ocultando información de saúde pública a veciñanza” é unha “grave neglixencia”, xa que segundo apuntan “co seu xeito de actuar, nun tema de tanta importancia como informar do aumento dos niveis de arsénico, puxo en perigo a saúde dos veciños e veciñas de Castrelo de Miño”.

Para a voceira do PSdeG-PSOE en Castrelo de Miño, Catalina González Álvarez, a situación “é moi preocupante”, xa que segundo explica “ademais de non buscar unha solución definitiva aos problemas de arsénico na auga no noso municipio, o alcalde opta agora polo escurantismo, tratando de non informar á veciñanza do aumento dos niveis, tal e como indican os protocolos”. Por este motivo, a concelleira socialista decidiu por en aviso da situación a Consellería de Sanidade para que tome as “medidas oportunas e evite que este ocultamento de información por parte do goberno municipal se volva a producir”.

Para González a veciñanza “debe ser a prioridade do goberno municipal” e considera que a poboación “ten que estar sempre informada do que acontece no seu municipio e de xeito especial cando se trata de temas que afectan a saúde pública e o uso e consumo da auga”. A voceira dos socialistas de Castrelo de Miño esixe ao rexedor “explicacións públicas” sobre a súa decisión de non publicar bandos informativos e información nas redes sociais oficiais do Concello sobre a subida dos niveis da arsénico na auga e afirma que “non podemos ter constancia desta problemática a través da prensa”. Os socialistas esíxenlle ao goberno municipal que sexa “transparente” e publique bandos informativos cando se produzan este tipo de situacións.

Dende o PSdeG-PSOE na localidade lembran que levan anos loitando por buscar unha solución definitiva aos problemas do arsénico, presentando incluso unha moción na que instaban á Xunta de Galicia á creación dunha nova captación de bombeo no río Miño, que dese servizo ao municipio, xa que no río non existe presencia deste elemento nocivo para a saúde. “A pesar de ser aprobada cos votos do noso grupo e do PP, nada se fixo ata agora, máis que optar por parches que deixan en evidencia que a situación non se corrixe e que a problemática volve a repetirse cada pouco tempo”, finalizan os socialistas.