O PSDEG-PSOE CONSEGUE O APOIO UNÁNIME DO PLENO DE OURENSE PARA IMPULSAR UNHA NOVA LIÑA DE ALTA VELOCIDADE ENTRE AS CIDADES DE OURENSE E VIGO POR MONDARIZ
Os socialistas defenderon unha iniciativa para pór en valor a Aula da Natureza de Oira como referente no ámbito da educación ambiental na cidade que obtivo o voto a favor de todos os grupos da corporación
O partido de Jácome votou en contra de desbloquear o proxecto de restauración do cámping de Untes a través da solución definitiva dos problemas de saneamento nesta zona do rural ourensán
Ourense, 5 de novembro de 2021. O PSdeG-PSOE de Ourense vén de conseguir o apoio unánime do pleno de Ourense a unha moción para solicitar unha nova liña directa de alta velocidade entre Ourense e Vigo que, dunha forma directa e eficiente, una as dúas cidades e sexa plenamente competitiva ante o coche ou o autobús.
A este respecto, o voceiro municipal, Rafa Villarino, propuxo instar ao Mitma a levar a cabo un estudo informativo para a execución dunha liña ferroviaria que aproveite o tramo coñecido como ‘saída sur de Vigo’, unha solicitude que o socialista tachou de “necesaria pero non suficiente”, ao tempo que apelou ao “consenso” do plenario ante unha cuestión que “redundaría no beneficio de Ourense e de Vigo”.
“Estámonos a facer eco da iniciativa dunha plataforma cidadá que defende a necesidade dunha liña de tren directa entre Ourense e Vigo por Mondariz, como alternativa á variante de Cercedo” sinalou Villarino. “O que non é asumible é que en decembro, coa chegada do AVE a Ourense, poidamos estar en Madrid en dúas horas e cuarto; e sen embargo tardemos a Vigo unha hora e media en tren, media hora máis ca en coche”, destacou o socialista.

“Teriamos mellores tempos que Cerdedo e sería máis económica ao aproveitar a saída sur de Vigo, actualmente en tramitación”, sinalan os socialistas na moción. Ademais, recordan que a cidade olívica e a súa área metropolitana son o “maior mercado potencial de Galicia” e, ademais, “mantén unhas relacións de mobilidade moi intensas coa provincia ourensá”, polo que “é obrigado unha boa conexión ferroviaria canto antes”.
Por outra banda, o grupo socialista presentou unha moción en materia de educación para pór en valor a Aula da Natureza do río Miño en Oira, unha iniciativa que tamén obtivo o apoio de todos os grupos.
O propoñente, Borja López, lamentou o “estado de abandono” dun equipamento que pediu “blindar e protexer como espazo referente no ámbito da educación ambiental na cidade”, a través da execución dun proxecto de mellora que o socialista dividiu en tres eixos: a rehabilitación do espazo, o reforzo do persoal e a ampliación da programación anual de actividades.
“Ademais dos cursos, talleres e actividades infantís relacionadas co medio ambiente, cuxa programación e xestión son competencia da concellaría de Educación, é importante destacar o papel que xoga esta dotación no ámbito da conciliación familiar e laboral dos pais e nais, sobre todo en períodos non lectivos”, destacou López.
Así as cousas, o socialista afeoulle ao Goberno local o recente traslado dun dos traballadores do viveiro municipal de Ourense ás instalacións da Aula da Natureza, como reforzo para único funcionario que, ata ese momento, desempeñaba en solitario todas as tarefas de preparación, coordinación, presentación e execución das actividades.
“Mover funcionarios dun servizo para outro é espir un santo para vestir outro”, condenou o propoñente da iniciativa, ao tempo que manifestou as “sospeitas” do grupo sobre o posible desmantelamento desta instalación por parte de Jácome. “Temos motivos dabondo para pensar que a Aula da Natureza de Oira poida estar nesa inacabable lista de servizos que desaparecen dun día para outro”, expresou o socialista en alusión á supresión do Espazo Lusquiños ou da Aula CeMIT, entre outros.
O partido de Jácome oponse á restauración do cámping de Untes

O partido de Jácome votou en contra de desbloquear o proxecto de restauración do cámping de Untes a través da solución definitiva dos problemas de saneamento da zona por parte do Concello, unha iniciativa que saíu adiante grazas aos votos favorables do resto da corporación.
Concretamente, a edil Natalia González, propoñente da iniciativa, pediu o apoio do plenario para “recuperar un proxecto ilusionante que está bloqueado por algo tan básico como é o saneamento no núcleo de Untes”.

“Estamos ante unha demanda histórica que vai máis alá da restauración do cámping. Non pode ser que os veciños de Untes sigan cunha situación tan precaria en canto ao saneamento e empregando fosas sépticas en pleno s. XXI”, censurou a concelleira.
“Coa chegada da alta velocidade temos que poñer Ourense no epicentro do termalismo”, manifestou González, ao tempo que fixo un chamamento a aproveitar os fondos Next Generation para materializar o proxecto do cámping de Untes.