concellos Denuncias

A veciñanza de Cartelle presenta máis de 500 firmas a favor da reposición do médico no centro de saúde

O PSDEG-PSOE DE CARTELLE APOIA AS REIVINDICACIÓNS DA VECIÑANZA PARA A REPOSICIÓN DO MÉDICO NO CENTRO DE SAÚDE E RECRIMÍNALLE AO ALCALDE NON DAR A CARA POLA SÚA XENTE

A veciñanza recadou máis de 500 sinaturas entre usuarios e usuarias dos servizos médicos de Cartelle afectados pola falta de facultativos que foron presentadas no rexistro xeral da Xunta de Galicia

O voceiro do PSdeG en Cartelle, Jesús Pereira, manifesta o seu “apoio” e “total disposición” á veciñanza de Cartelle nesta esixencia que lle fan o Sergas e lamenta o “pasotismo” do rexedor Jaime Sousa

Cartelle, 8 de novembro de 2021. O PSdeG-PSOE de Cartelle amosa, unha vez máis, o seu “total” apoio as reclamacións e reivindicacións da veciñanza para a reposición do médico do centro de saúde desta parroquia ourensá. Os socialistas recrimínanlle ao alcalde do Partido Popular, Jaime Sousa, que “non de a cara pola súa xente” ante unha situación que consideran “extremadamente grave”, xa que tal e como relatan “pon de manifesto o recorte de servizos no rural e a falta de atención médica no municipio”.

A veciñanza de Cartelle, farta da falta de facultativos, decidiu fai unhas semanas comezar unha recollida de sinaturas que veñen de presentar no rexistro xeral da Xunta de Galicia en Ourense. En total, recolléronse máis de 500 entre usuarios e usuarias dos servizos médicos do municipio, afectados pola falta de profesionais médicos. “Con elas queren facer patente a súa indignación, diante do que consideran unha aldraxe e unha desconsideración das máis fortes que se lle poden facer a unha poboación envellecida como a de Cartelle”, relatan os socialistas. Lourdes e Emilia, en representación da cidadanía, foron as encargadas de entregar o Sergas a proba documental do malestar veciñal.

Para o voceiro do PSdeG-PSOE en Cartelle, Jesús Pereira Vázquez, este “é o reflexo e testemuño de total rexeitamento de máis de medio milleiro de persoas que se están vendo obrigadas a desprazarse a Outomuro, facendo en moitas ocasións, máis de vinte quilómetros, e incluso en taxi, o que representa unha carga moi importante para a súa economía, pois hai que pensar que a maior parte destes veciños e veciñas superan a idade de xubilación e cunha pensión baixa”.

Pereira Vázquez manifesta o seu “apoio” e “total disposición” á veciñanza de Cartelle nesta esixencia que lle fan o Sergas e lamenta o “pasotismo” do rexedor Jaime Sousa. O voceiro do PSdeG-PSOE afirma que o alcalde “debeu iniciar e liderar esta demanda, estando a carón da veciñanza, pero optou por pórse de lado de quen elimina servizos no municipio”. Pereira afirma tamén que Cartelle “non pode resignarse a ter un alcalde así, un alcalde que fai corpo con quen desleixa ao pobo que el representa e non dá a cara pola veciñanza”.

Dende o Grupo Municipal Socialista subliñan tamén que esta situación “trae efectos colaterais negativos, pois moitas persoas, como as que padecen doenzas crónicas ou mesmo as que están en listas de agarda para especialistas, deixan de acudir ao médico a realizar os seus controis pertinentes polas dificultades que lles supón o desprazamento e isto repercute na súa saúde”.